Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/12/2019 | Actualizada ás 14:10
Nestas datas, a sorte hai que invocala sexa como sexa. Os bombos do Sorteo da Lotaría de Nadal están a piques de poñerse a andar para repartir sorte por Galicia adiante e, quen sabe, quizais non todo dependa só da casualidade. O noso país, de rituais, maxia, crenzas e supersticións, ten referencias e sabedoría dabondo. Por iso, nesta época do ano onde é máis necesario chamar pola boa fortuna, hai quen non dubida en rescatar as tradicións dun pasado en que a maxia estaba presente en moitos ámbitos da vida.
"Aquí hai xente que se encomenda ao Apóstol. Merca a lotaría e vaille dar unha aperta co décimo na man", comenta José Luís Tojo, un loteiro con experiencia de Santiago de Compostela. Nada se perde por intentalo, dirán os encomendados. Acontece o mesmo con calquera outro santo ao que cadaquén venere. E mesmo os hai que fan o viacrucis cos propios décimos da lotaría.
OS NÚMEROS TALISMÁN
Escoller os números en función de datas determinadas tamén é moi habitual entre os compradores. Existe a crenza arraigada de que se escolles o número da data dun nacemento, dun casamento, dun acontecemento especial ou dun evento histórico, hai máis posibilidades de que a sorte chame á porta. No 2019, a data da exhumación de Franco, por exemplo, está arrasando.
"Nestes días tivemos moitas chamadas sobre o 62098", relata agora María Fernanda, outra loteira compostelá. "Debeu saír pola tele algunha vidente que dixo que ese número había ser o gañador". Cunha experiencia de 25 anos ás costas, esta muller relata que o 13 tamén é un clave en todos os sorteos, igual ca o 69. Son números "talismán". "E mira ti, en 200 anos de historia, só acabou en 13 dúas veces!", ri.
UN ÓSO NO PETO
A tradición tamén di que un óso seco da pata das galiñas gardado no peto pode axudar a ter máis fortuna na lotaría. O mesmo se pensa dun allo ou dunha pata de coello. Sexa como for, as supersticións andan sempre de a cabalo destes premios. E nisto non hai distinción de idades. "Na lotaría de Nadal hai moita xente nova que xoga. Non se perde a tradición e oxalá non o faga no futuro, porque é moi bonita. Fai moita ilusión", conta María Fernanda. "Non te falas en todo o ano, e chegan estas datas e mandas o resguardiño da lotaría".
Tanto José Luís coma Fernanda teñen repartido grandes premios nos seus locais. "Para nós é coma un día de fútbol", fala a risas José Luís. "Vivímolo con moita emoción". O día a día repartindo sorte é curioso para os loteiros. Fernanda conta que ás veces lle traen caixas de bombóns. "Encántame falar coa xente, sempre lles botas unha palabriña bonita".
Hai quen ten claro que isto dos amuletos e supersticións funciona. Haberá daquela que probar. Nada se perde!
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.