Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/01/2020 | Actualizada ás 14:52
O presidente da Xunta e do Partido Popular de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, criticou ao Goberno de Pedro Sánchez por perder "a dignidade cos independentistas e a vergoña cos galegos", para os que esixe "o pago dos 370 millóns de euros" que o Estado debe á Comunidade.
Para o titular do Goberno galego, este Executivo "é o peor Goberno en corenta anos de democracia" por chegar a acordos cos "independentistas" e por "non cumprir a súa palabra" cos galegos, destacou este sábado na reunión Interparlamentaria do Partido Popular na Cidade da Cultura de Santiago.
Na mesma liña, Feijóo censurou o que para el son os "intereses" dos "nacionalistas e Podemos" que "só querían chegar ao Goberno á costa do que fose", mesmo dos "intereses dos galegos". "Agora vense por fin no Goberno de España, nas moquetas dos despachos de todos os ministerios. E mira que fai falta un desplegable para saber cuantos ministerios hai nestes momentos" , ironizou.
Asegura que os actuais representantes de Moncloa "menten" e cre que "as súas mentiras son gratis" para a cidadanía galega. Á súa vez, defende que estas falacias ás que se refire "non saen gratis aos estudantes, nin aos 5.000 traballadores que dependen da industria e que non saben por cuantos meses máis van seguir cobrando unha nómina". O presidente galego pregúntase "como se pode ser tan hipócrita de manifestarse en Madrid contra si mesmos e non achegar ningunha solución" aos problemas que "eles mesmos crearon".
"AS DÉBEDAS NON PRESCRIBEN"
As súas críticas non acaban aquí. E é que o máximo responsable do Partido Popular ten claro que a Galicia "non lle saen gratis" os 370 millóns de euros que corresponden á Comunidade e que o Estado "nega". Sobre isto, Feijóo puntualizou que fará "todo o posible para recuperar" o total do financiamento.
Considera que a pesar de que o PSOE vaia a "vir por aquí a facer moitas promesas" antes das eleccións autonómicas, estas "non se cumprirán e no caso de que se cumpran será co diñeiro que nos deben". Sentencia que "as débedas non prescriben" e que co paso do tempo non só terán que atesourar a débeda, senón tamén "os intereses" que se crean.
Acusa o Goberno socialista de "non dicir a verdade" respecto dos prazos para a chegada do AVE -que "non estará para o Xacobeo 2021"-, a situación das electrointensivas ou por que "se dedican a reformar o Código Penal para que resulte efectivo aos delincuentes independentistas".
RESPONSABILIDADE E MODERACIÓN EN GALICIA
Fronte ao escenario político que debuxa, Feijóo colocou o seu partido como o axente idóneo para "aplicar a intelixencia con responsabilidade, moderación e entendemento". Estes valores son os que preserva o PPdG, que "non se moveu nin no peor período das vacas fracas, nin nos peores anos da crise económica, nin na peor das inestabilidades do Goberno de España", nin se moverá no "peor Goberno en corenta anos de democracia".
Sinala como "prioridade" a "axenda galega", baseada na "innovación, a calidade e a Galicia verde", unhas metas para o futuro segundo o presidente popular. Aposta tamén por "facer as cousas unidos" e por "ampliar a maioría que representa" o PP nas "diferentes cámaras" estatais e autonómicas.
Precisamente, ampliar esa maioría "é o obxectivo" do partido de aquí ás eleccións autonómicas, para así crear "unha maioría aberta que prefire a moderación e o entendemento ao enfrontamento" e onde "as minorías non se impoñan ás maiorías". Neste sentido, dirixiuse ao "multipartito" de Pedro Sánchez para que "abandone as leas e as divisións", "non siga sumando coas minorías" e apoie o proxecto da "axenda galega" que quere o PP para Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.