Galicia está sendo discriminada no reparto das axudas PAC?

As axudas económicas europeas para as actividades agrarias, a PAC, deberan traducirse en mellora da calidade de vida do sector agro-gandeiro, mellora das explotacións e medio ambiente. Os sindicatos labregos, aínda que con diferentes visións, consideran que este diñeiro europeo non tivo nin ten en conta o réxime de explotación agrícola galego, deixando ínfimas sumas de diñeiro en comparación co resto do Estado.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 21/02/2020 | Actualizada ás 21:55

Comparte esta noticia

As novas axudas da Política Agraria Común xa están en marcha desde o 1 de febreiro ata o 30 de abril. En España son máis de 600.000 persoas as que poden solicitar axudas, as cantidades a receber son en base ás hectáreas de superficie agraria. Galicia ten unha base territorial moi pequena por explotación e iso reflíctese nunhas axudas máis pequenas que a media do Estado. Isto afecta a todos os segmentos agrarios e ás diferentes iniciativas que se queiran levar adiante. Mesmo as axudas para incorporar novos traballadores e traballadoras ao campo galego, son menores que as que receben noutros lugares. Por outra parte, voces directamente relacionadas co agro sinalan que mesmo hai quen ten axudas da PAC sen estaren cotizando á Seguridade Social.

Minifundios agrarios
Minifundios agrarios

É XUSTA A PAC CON GALICIA?

As axudas da PAC en Galicia son moi pequenas porque ditas axudas están baseadas en superficie agraria, e a base territorial galega é moi pequena. A superficie media agro-gandeira en Galicia está en 8 hectáreas. “Isto, en relación ao diñeiro recibido, penaliza á agricultura galega, porque sectores como viticultura e horta non receben as axudas ou simplemente non lles compensa recibilas” di Isabel Vilalba do Sindicato Labrego Galego (SLG).

Con ese déficit en superficie, o sector primario galego ten que competir con países cunha media de superficie agraria útil do 40%. As últimas estimacións da Xunta de Galicia apuntan unha superficie agraria útil do 21,9%. “Quizais non sexa todo culpa da PAC, senón que tamén influiu o momento en que entramos na UE” sinala Óscar Pose de Unións Agrarias (UUAA). Daquela “as referencias que se tomaron para esas axudas, orixinaron uns dereitos de pagamento único e de pagamento básico que tamén son máis reducidos que outros lugares”.

A PAC non é unha política pensada para territorios con propiedades pequenas e cunha man de obra abundante, ao revés, pensa en grandes propiedades e poucos traballadores e traballadoras. “En 2019 había 693.000 solicitudes de PAC no Estado, mais as persoas cotizantes na Seguridade Social agraria eran 261.000” sinala Vilalba. As cifras en Galicia indican que hai máis cotizantes que persoas perceptoras dos orzamentos europeos. “En 2019 tiñamos presentadas 26.800 solicitudes, mentres que as persoas cotizando á Seguridade Social eran 29.000”.

Óscar Pose valora que estes anos dentro da UE non serviron para que a “política agraria se adaptara para compensar vantaxes e desvantaxes novas e vellas”. Facendo un exercicio de comparación coa situación anterior a 1986, os prezos que se pagaban daquela polos produtos agrarios “eran máis elevados, unha pequena axuda daquela significaba máis que as axudas que temos hoxe”.

NOVAS INCORPACIÓNS E ABANDONO RURAL

As persoas máis novas que se incorporaron á actividade agraria foron as máis discriminadas pola PAC, di Isabel Vilalba, o motivo está en que esa xente non ten uns dereitos históricos para solicitar o diñeiro europeo. “Hai unha axuda que é Axuda para Persoas Mozas, no ano 2018 a media era de 1.180€  por persoa en Galicia, se miramos a axuda media no resto do Estado era de 4.000 euros”.

Os datos que manexan desde o SLG, apuntan que  Galicia ten o 11% dos afiliados ao réxime agrario da SS en todo o Estado, “pola contra representamos o 3.8% das solicitudes da PAC”. A isto súmaselle que “houbo unha tendencia a baixar os prezos dos produtos agrarios e así a industria alimentaria puidese comprar barato”.

O diñeiro recibido polos agricultores e gandeiros “non compensa os baixos prezos ou falta de base territorial, todo iso lastra o noso custe de produción e iso fai que non poidamos competir con produtos chegados de fóra” di Óscar Pose. Os prezos actuais están por debaixo do límite de custe de produción ou xusto nese límite. “Outra industria nesas condicións tería pechado, temos un sector primario que resiste, mais en condicións difíciles”.

E todo isto sumado, non podería ser un elemento clave para que a xente abandone o rural? “O que fomos vivindo ata o de agora é o incremento da dependencia alimentaria” sinala Vilalba. Nos últimos anos aumentou a diferenza entre produtos que exportamos e importamos. Outros modelos, como a produción de eucalipto “superou a superficie de plantación prevista para 2032 e estamos en 2020, esas producións crean ingresos cada 15 ou 20 anos, mais as persoas necesitan ingresos mensuais”. “A PAC non fomenta por si soa o abandono do rural, o que hai é un reparto inxusto dos orzamentos desta política” sentenza Óscar Pose. “Hai fincas inactivas que reciben diñeiro europeo, iso impide que outras fincas activas teñan as axudas que necesitan”.

A Política Agraria Común é considerada discriminatoria con Galicia desde o mesmo momento da entrada na UE. Faría falta unha revisión profunda da mesma para que se puidesen mellorar os insumos económicos para o sector agro-gandeiro galego. E sobre todo, que se tivese en conta a realidade histórica do noso rural e unha revisión importante dos prezos que se veñen pagando.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 anonimo 2

E isto é um surpresa? Os fundos da PAC as reparte o governo central que é quem estabelece os critérios. E que critérios vai estabelecer alguém em Madrid? Pois não estão baseados em que os labregos podam viver dignamente, não, é um dinheiro a repartir. O por acaso já nos esquecemos do linho? Pois um parente de um ministro, que não era nem é labrego, plantou linho para cobrar as ajudas (e o linho quedou no campo porque o objetivo era cobrar a ajuda, e recolhe-lo tinha mais gasto que benefícios). Para se beneficiar das ajudas da PAC na Espanha não há que ser labrego, há que ser advogado!!