Tenreira Galega mantén vendas en 123 millóns en 2019, a pesar da "presión" e o "alarmismo" sobre o consumo de carne

O proceso para que se recoñeza na UE a IXP de Vaca e Boi "vai lento" e demándase un plan galego estratéxico para a carne de vacún.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/02/2020 | Actualizada ás 18:08

Comparte esta noticia

A Indicación Xeográfica Protexida Tenreira Galega rexistrou unha cifra de negocio de 123 millóns de euros en 2019, "similar" á do ano anterior. O presidente do Consello Regulador das indicacións protexidas de carne de vacún de Galicia, Jesús González, considera estas vendas "moi positivas" debido á "presión que está a sufrir" o consumo deste alimento "nos últimos tempos".

Tenreira galega.
Tenreira galega.

En Santiago presentáronse os resultados dun 2019, no que houbo un crecemento do 2% tanto en explotacións activas, ata 8.298 inscritas; como en tenreiros rexistrados, ata 135.263.

Jesús González sinala que Tenreira Galega mantén as súas vendas, a pesar de que "distintos organismos públicos" e noticias "xeran certo alarmismo" sobre o consumo de carne, unido a "distintas correntes" como as de veganos e animalistas.

Pola súa banda, os prezos mantivéronse "estables" en 2019, entre 4,30 e 5 euros por quilo de canle. Considera "fundamental" mellorar estas cifras, porque diso depende a continuidade de moitas explotacións.

O número de canles certificadas --corpo do animal despois de ser sacrificado e eviscerado-- e toneladas de carne comercializadas baixo a Indicación Xeográfica Protexida contan cun descenso do 0,5%, Son 96.104 canles e 21.235 toneladas.

RECOÑECEMENTO "LENTO" DE IXP VACA E BOI

Respecto dos trámites de recoñecemento e rexistro da IXP Vaca Galega e Boi Galego ante a Comisión Europea, Jesús González lamenta que "vai lento".

Explica que este ano se cumpren tres anos desde o seu impulso, pero prevé que non sexa ata o ano que vén que se completen os trámites na UE. Mentres, trabállase cunha Protección Nacional Transitoria coa que se consegue só un crecemento "máis moderado".

As explotacións de vacas e bois aumentaron en 113 en 2019 --González considera que son "poucas"--, con case 800. Neste caso, con prezos "moi variables" ao longo do ano.

EXPORTACIÓNS E COMPROMISO AMBIENTAL

Tenreira Galega vende o 46% da súa produción en Galicia e o 51% no resto de España. A exportación supón o 3%, centrada en Alemaña, Norte de Portugal e Andorra.

O presidente do Consello Regulador das indicacións protexidas de carne de vacún de Galicia asegura que as vendas ao exterior están "focalizadas" en Alemaña. Principalmente, en cidades de Baviera.

De cara a esta campaña de 2020, Jesús González explica que "preocupa" a sustentabilidade do sector cárnico, polo que se centrarán en facer un "esforzo" no benestar animal, a través dun compromiso ambiental e a redución do uso de medicamentos, entre outros.

Xunto a isto, Jesús González sinalou como "necesario" a posta en marcha dun plan estratéxico do sector da carne de vacún en Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta