Allariz convida a gozar dos mellores produtos de tempada na súa Feira de Outono

Este mercado chega á súa XXVIII edición e contará con máis de 30 postos chegados da Reserva da Biosfera de Allariz, de diferentes puntos de Galicia, Castela e León e tamén do veciño Portugal. Contará con actividades paralelas e celebrarase os días 9 e 10 de novembro no Pavillón do Instituto.

Por Galicia Confidencial | Allariz | 07/11/2024 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Este evento gastronómico, que se celebrará no Instituto de Allariz os días 9 e 10 de novembro, ten como obxectivo poñer en valor os produtos de tempada do outono. Deste xeito, os produtores participantes ofrecerán, entre outras cousas, mel, cogomelos, noces, castañas e os seus derivados, dispoñibles para a venda entre as 10:30 e as 20:00 horas.

María López e Cristina Cid na presentación da XXVIII Feira de Outono de Allariz. Foto: Comunicación Concello de Allariz.
María López e Cristina Cid na presentación da XXVIII Feira de Outono de Allariz. Foto: Comunicación Concello de Allariz.

A feira contará con produtores da Reserva da Biosfera de Allariz, así como doutros puntos de Galicia, de Castela e León e de Portugal. En palabras da organización, "esta diversidade permitirá que os asistentes coñezan e adquiran produtos de gran calidade, promovendo un consumo de produtos de tempada, de proximidade e sostibles".

ACTIVIDADES PARALELAS: DEMOSTRACIÓNS CULINARIAS, OBRADOIROS, DEGUSTACIÓNS E SAÍDAS MICOLÓXICAS

Ademais da venda de produtos, o evento ofrecerá un amplo programa de actividades para todos os públicos. Entre as propostas destacan as demostracións culinarias en directo, obradoiros para nenos e nenas, saídas micolóxicas guiadas para recoñecer cogomelos e degustacións de produtos típicos do outono. Para animar as compras, sortearanse agasallos entre aqueles que realicen adquisicións durante a feira.

No que se refire ás saídas micolóxicas, José Gómez Bragaña, experto do Centro de Investigacións Forestais de Lourizán, liderará un ano máis as saídas ao monte para a recolección de cogomelos, tanto o sábado como o domingo. As persoas interesadas deberán inscribirse previamente enviando un correo a dinamizacioneconomica@allariz.gal, indicando o nome completo, número de teléfono e o día de preferencia.

A hostalería local tamén se implica neste evento, de tal xeito que algúns restaurantes de Allariz ofrecerán menús e tapas especiais con produtos do outono e sortearán unha comida para dúas persoas entre aqueles que participen probando os menús nos establecementos colaboradores.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta