O temporal deixou fortes refachos na Mezquita e Viveiro, que superaron os 122 Km/h

A meteoroloxía adversa na costa pasará a nivel laranxa este venres, pero normalizarase a partir da tarde.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/03/2020 | Actualizada ás 13:44

Comparte esta noticia

Galicia pasou unha nova noite en alerta por meteoroloxía adversa que, nesta ocasión, deixouse notar con maior virulencia no litoral, onde permaneceu activo o aviso de nivel laranxa tanto na costa coruñesa como en Lugo.

De feito foi nesta última provincia, sobre as 01,40 horas da madrugada, onde se deron os refachos máis fortes, superando os 122 quilómetros por hora en Penedo do Galo, no municipio de Viveiro. O seguinte valor máis importante produciuse tamén en Lugo, con ventos que alcanzaron os 144,4 quilómetros por hora na Pontenova.

Os refachos de vento máis duros golpearon, no entanto, as zonas de maior altitude. Esta mesma mañá (sobre as 6,40 horas), A Mezquita contou con refachos de 139,5 quilómetros por hora, e Carballeda de Valdeorras de 135,6, ás 04.40 horas. A provincia de Pontevedra contou con maior acumulación de choiva, sobre todo en Cotobade (con 49,7 litros por metro cadrado) e Forcarei, con 45,1.

Todo o litoral permanecerá en alerta por forte ondada e vento na xornada deste xoves, así como nas montañas das provincias de Lugo e Ourense por perigo de neve, onde se poden acumular ata 5 centímetros durante as últimas horas do día. No mar, manterase o aviso amarelo ao longo de toda o día e poderanse alcanzar refachos de ata 80 quilómetros por hora na Mariña lucense e ondas de entre catro e cinco metros no resto da costa galega.

NORMALIDADE CARA AO FIN DE SEMANA

Segundo explicaron fontes de Meteogalicia a Europa Press, Galicia experimentará intervalos nubrados e choivas tras a fronte que pasou pola comunidade na xornada do mércores, pero xa "de forma moi ocasional" e tendendo cara á apertura de claros.

De feito, os ventos fortes rexistrados durante a noite foron "de moita menos intensidade" que o fin de semana, cando se viviron os efectos das borrascas 'Jorge' e 'Karine'.

A previsión para os próximos días será dunha situación meteorolóxica marcada pola transición. Esta noite a cota de neve baixará ata os 1.000 metros e estenderase durante todo o venres, ademais dun aviso de nivel laranxa no litoral de Lugo, a Costa da Morte e a zona noroeste da Coruña entre as 06.00 horas e ata as 18,00 horas, con ondas de entre 5 e 6 metros.

Con todo, o tempo irá encamiñándose cara á normalidade e prevese unha melloría que xa se notará a partir do mediodía do venres e que deixará un tempo asollado, con vento seco, este mesmo sábado.

Temporal no mar. EUROPA PRESS - Arquivo
Temporal no mar. EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta