Ascenden a 189 os afectados por COVID-19 en Galicia, 36 máis que o sábado

Oito están na UCI, 33 en unidades de hospitalización e 148 reciben atención no seu domicilio. Ademais, rexistráronse catro altas e dúas persoas faleceron.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/03/2020 | Actualizada ás 14:17

Comparte esta noticia

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informou este domingo que os infectados por coronavirus en Galicia ascenden xa a 189, 36 máis que no último boletín oficial, anunciado polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a pasada noite de sábado.

Coronavirus
Coronavirus | Fonte: diariojuridico.com

Os novos datos foron publicados polo Goberno galego este mediodía, mentres que Feijóo permanece reunido por videoconferencia co presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e o resto de presidentes das demais comunidades autónomas para abordar o estado de alarma que se declarou en toda España.

Estes 189 casos positivos anunciáronse despois de que esta madrugada o Sergas confirmase o segundo falecido en Galicia, un home de 81 anos con patoloxías previas e ingresado no Hospital Montecelo de Pontevedra.

Por ámbitos territoriais, 72 dos infectados pertencen á área da Coruña, 36 a Vigo, 27 a Santiago, 22 a Ourense, 18 a Pontevedra, 9 a Lugo e 5 a Ferrol.

Os 189 infectados dos que informa a Consellería de Sanidade non contemplan a cifra acumulada que reflicte a do Ministerio de Sanidade, que suma os casos positivos que existen na actualidade ao número de falecidos e ao de altas médicas. Neste último caso, o dato galego ascendería a 195 (os 189 máis as catro altas médicas e dous falecidos).

Segundo os números do Sergas, oito dos pacientes permanecen na UCI, mentres que 33 están en unidades de hospitalización e 148 persoas reciben atención no seu domicilio. Por outra banda, rexistráronse catro altas de persoas que sufriron a enfermidade e se recuperaron no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC).

Os dous falecementos que se rexistraron ata agora corresponden ao home de 81 anos de Pontevedra, anteriormente mencionado, e unha muller de 92 anos que morreu con coronavirus, pero xa sufría outras patoloxías e estaba ingresa en Vigo, no Hospital Povisa.

No novo boletín da Consellería de Sanidade tamén se informou que ata agora en Galicia se realizaron un total de 1.390 probas de coronavirus.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta