Premio para unha aplicación que permite comunicarse aos discapacitados

PictoDroid Lite é un dos proxectos premiados na XVII Noite Galega das Telecomunicación e da Sociedade da Información celebrada na Toxa.

Por Galicia Confidencial | Cambados | 27/10/2012 | Actualizada ás 19:00

Comparte esta noticia

A tecnoloxía serve para o progreso, para o avance científico, para a mellora da produtividade pero tamén debe ter unha utilidade social. As tecnoloxías da información e da comunicación deben repercutir nos cidadáns, en mellorar a súa calidade de vida, accesibilidade e interacción. A aplicación móbil PictoDroid Lite cumpre todos estes requisitos e vén de ser recoñecida polo Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia como o mellor proxecto TIC con beneficios sociais. Os investigadores do Grupo de Tecnoloxías da Información recolleron o galardón este venres no transcurso da XVII Noite Galega das Telecomunicación e da Sociedade da Información, un evento que se centra nesta edición nas smart cities ou cidades intelixentes que poñen a tecnoloxía ao servizo dos cidadáns, segundo explica a Universidade de Vigo.

PictoDroid Lite é o froito de varios anos de traballo conxunto do Grupo de Tecnoloxías da Información da Escola Enxeñería de Telecomunicación e o Centro de Educación Especial Manuel López Navalón de Santiago de Compostela, colaboración que se consolidou coa creación de Accegal, un proxecto para a elaboración de solucións de accesibilidade baseadas en dispositivos móbiles. Un dos primeiros produtos desenvolvidos foi precisamente PictoDroid Lite, unha aplicación para dispositivos Android que permite aos usuarios comunicarse a través do uso de pictogramas, signos que representan esquematicamente un símbolo, obxecto real ou figura. Así, os usuarios poden expresar accións moi concretas, elaborando oracións sinxelas. Por exemplo, permite crear frases con suxeitos como "imos a…" ; "quero xogar…" ; "quero ir ao baño"; "quero beber…" ; "quero comer ...", etc. Ao completar a selección de pictos, o sistema procede á lectura da frase formada. Esta aplicación está pensada para persoas con certos tipos de discapacidade que afectan á súa comunicación, como parálise cerebral ou autismo, de xeito que se abre para eles unha fiestra para interactuar co mundo que os rodea e coas persoas coas que conviven.

Ao fronte deste proxecto están Enrique Costa Montenegro, profesor do grupo GTI e Fátima García Doval, pedagoga e directora do centro educativo compostelán, pioneiro tanto no deseño como no uso deste tipo de aplicacións e ferramentas. Para eles "é unha gran satisfacción o recoñecemento que nos dan os nosos compañeiros de profesión e agardamos que este tipo de premios sirvan para dar máis visión ao proxecto, e poder conseguir así recursos para seguir axudando a máis persoas con discapacidades". Explican ambos que a aceptación que teñen estes produtos está a ser moi boa, e que moitos pais e nais amosan a súa satisfacción por poder aumentar a interacción cos seus fillos e fillas.

Unha aplicación que aposta polos pictogramas
PictoDroid Lite está dispoñible no Google Play e pode descargarse directamente da páxina de Accegal, na que está tamén o manual de usuario. Ademais, a web ofrece vídeos titoriais tanto sobre o uso como sobre a instalación e os creadores están á disposición dos usuarios que precisen a súa axuda para adaptalo a necesidades e condicións concretas, así como para actualizado segundo as demandas. A aplicación emprega os pictos de ARASAAC, creados por Sergio Palao e distribuídos con licenza Creative Commons, aínda que é posible configurala para utilizar outros pictos e incluso imaxes reais.

Tratándose dunha ferramenta con evidentes fins sociais, os seus responsables destacan a necesitade de que sexan "de balde e de acceso público, accesible en todos os termos", xa que outras aplicacións deste tipo están dispoñibles no mercado pero con prezos non asequibles para determinadas persoas que representan un “público sensible e cautivo”.

Este consorcio de enxeñeiros e padagogos que dan forma a Accegal teñen posto en marcha tamén outras aplicacións e ferramentas como MessageTTS ou VirtualTEC coa que acadaron varios premios e recoñecementos e seguen traballando na elaboración de solucións de accesibilidade baseadas en dispositivos móbiles.

Enrique Costa e Fátima García Doval, responsables de Accegal
Enrique Costa e Fátima García Doval, responsables de Accegal

A noite máis tecnolóxica premia a aplicación PictoDroid Lite como mellor proxecto TIC con beneficios sociais
A noite máis tecnolóxica premia a aplicación PictoDroid Lite como mellor proxecto TIC con beneficios sociais
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta