Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/04/2020 | Actualizada ás 12:37
O Boletín Oficial do Estado (BOE) publica este xoves o novo nome oficial da terminal compostelá de Lavacolla: Aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro, en honra á escritora galega do século XIX.
O cambio foi impulsado con Compostela Aberta á fronte do Consistorio da capital galega, no anterior mandato local, e posteriormente obtivo o apoio de todas as forzas políticas, como se evidenciou a través dunha iniciativa aprobada por unanimidade no Parlamento.
O acordo que publica este xoves o BOE certifica que o Concello de Santiago acordou solicitar ao Ministerio e a Aena o cambio de denominación para "pór de manifesto a relevancia da escritora máis representativa da lingua galega, con motivo do 180 aniversario do seu nacemento".
Coa denominación do aeroporto de Santiago co nome de Rosalía de Castro, reivindícase —engade o documento oficial— "a súa memoria, a súa contribución á literatura europea e a súa loita pola recuperación e forxa da identidade de Galicia".
A orde, que subscribe o ministro de Transportes, José Luís Ábalos, conclúe que os gastos derivados do cambio de denominación proposto serán sufragados polo Consorcio de Santiago.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.