Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/04/2020 | Actualizada ás 18:16
O sindicato UGT esixe a realización de test de detección de COVID-19 a todos os traballadores do sector do comercio galego, que están a realizar un labor esencial en contacto con outras persoas e, por tanto, expostos a este virus.
Os establecementos comerciais, explicou UGT, están a ser agora mesmo "un dos lugares de maior interacción social" e, por tanto, "deben ser unha prioridade á hora de tomar medidas co fin de diminuír o número de contaxios".
UGT, lembran, "esixiu en todo momento que se extremasen as precaucións", dotando aos traballadores "dos medios de protección necesarios", tanto "pola súa propia seguridade", como pola dos clientes, algo que agora fai extensivo ao test de detección.
"O contacto continuo e próximo, tanto cos clientes, como co persoal de loxística ou subcontratas, unido á falla en moitos casos do material de protección necesario, multiplica a situación de risco á que ven expostos cada día", destaca UXT.
CENTROS COMERCIAIS ABERTOS
Por outra banda, a Asociación Galega de Xerencia de Centros Comerciais Abertos e Zonas Comerciais Urbanas púxose a disposición da Consellería de Economía para colaborar para "dar resposta ás inquietudes e rogos do tecido comercial" das localidades na actual situacicón, "e axudar na toma de decisións para o sector que redunden nun mellor aproveitamento dos recursos públicos no arduo labor de saír desta crise canto antes".
A entidade está formada por máis de 40 xerencias dos Centros Comerciais Abertos e, neste momento, representa a máis de 5.000 establecementos comerciais.
Co fin de pór o seu coñecemento e experiencia ao servizo da Administración, a entidade solicitou á Xunta que se inclúan representantes seus "nos debates ou mesas de traballo que teñan lugar no ámbito da consellería e cuxas decisións poidan afectar o sector". Para axilizar o proceso, xa constituíron unha comisión de traballo na materia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.