Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 21/04/2020 | Actualizada ás 16:03
“A situación das residencias é unha situación común en Europa, de España, e non creo que teñamos que plantear cuestionarnos a titularidade das residencias da terceira idade”. Foi a resposta que deu o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a Galicia Confidencial tras preguntarlle se non cre que, tras o que está acontencendo nos centros privados, non habería que apostar por un sistema público.
Esta mesma semana tanto o PSdeG como Galicia en Común e o BNG criticaban duramente á Xunta por ter apostado pola privatización dos centros de maiores durante os seus once anos de goberno creando “auténticos imperios xeriátricos”, e pedíanlle que cambie o modelo actual tras a crise do coronavirus. O propio Feijóo dicía hai unhas semanas que había que facer cambios, pero este martes puntualizaba que eses cambios non son do modelo, senón administrativos.
Así, insistía en que o que haberá que ter en conta é o tipo de autorizacións que se darán a centros privados e controlar máis o número de traballadores que teñan ou as súas características construtivas. “Iso é o que temos que cuestionar. E estamos estudando iso”, dixo descartando cambiar o modelo de privatizacións actual.
E, neste sentido, volveu a suliñar que a situación das residencias en Galicia durante a crise do COVID-19 é mellor que o resto do Estado, a pesar de que o 44% de todos os mortos en Galicia son usuarios destes centros.
Por iso, volveu botar balóns fóra e volveu reclamarlle ao Goberno central que remita todos os datos da situación das residencias no conxunto do Estado. “Non se poden ocultar datos das residencias”, dicía a pesar de que autonomías como as de Madrid non aportou esa información ata esta fin de semana como o propio Feijóo recoñecía o domingo.
GALICIA EN COMÚN
Por outra banda, o portavoz de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez-Reino, avisou ao presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, de que "terá que asumir a responsabilidade" pola súa "inacción" nas residencias de maiores, un dos sectores máis afectados pola epidemia de coronavirus.
"É intolerable que a Xunta siga sen facer nada e que o único recurso das familias para impedir a grave situación á que están sometidos os usuarios sexa acudir aos tribunais, que só poderán actuar cando seguramente xa sexa demasiado tarde. Agora é o momento de salvar as vidas de quen vive e traballa nas residencias de maiores, pero, cando isto termine, a Xunta terá que asumir a responsabilidade da súa inacción", asegurou o deputado de Unidas Podemos, segundo recolle un comunicado.
Este martes, Gómez-Reino mantivo unha reunión coa portavoz da Federación Galega de Asociacións de Familiares e Familiares de Usuarios de Residencias REDE, María Rodríguez, na que abordaron a situación dos centros de maiores, que suman máis dun milleiro de contaxiados coa Covid-19.
"Levamos semanas esixindo a Feijóo que interveña as residencias e as medicalice, pero parece que ao presidente só interésalle tapar o asunto con propaganda destinada a manter un modelo baseado nos recortes e as privatizacións, que permite a unhas cantas empresas facer negocio coa vida, a saúde e o benestar dos nosos maiores", sentenciou Gómez-Reino, que se desprazou este martes a Madrid para presidir a Comisión de Traballo e Inclusión do Congreso.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.