Bancos de alimentos lanzan un S.O.S: "Non hai que parar a axuda porque o peor aínda está por chegar"

Inciden nas consecuencias que a crise sanitaria terá en persoas en economía mergullada ou en autónomos

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/05/2020 | Actualizada ás 11:54

Comparte esta noticia

Bancos de alimentos de Galicia aseguran ter nestes momentos alimentos e agradecen a solidariedade de empresas e particulares, así como a colaboración das administracións, pero alertan do "desafío" que suporán os próximos meses. Por iso, piden que "non cese" a solidariedade, convencidos, nalgún caso, que a situación xerada pola COVID-19 pode ser "bastante peor" que na última crise económica e que se poden ver un "pouco apertados" nos próximos meses.

Isto é o que expoñen desde o catro entidades que forman parte da Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL). Todas elas lembran que, no seu caso, non reparten directamente ás persoas, se non que distribúen a mercadoría a través de entidades que as fan chegar a aqueles que o necesitan, pero tamén a través dos servizos sociais dos concellos, "que están desbordados".

Así o apunta Conchi Rei, presidenta do Banco de Alimentos Rías Altas da Coruña, que abarca toda a provincia e que conta coa súa sede principal na cidade herculina, pero con naves tamén en Ferrol e Santiago. "Estamos a facer lotes para familias que veñen a través dos servizos sociais", afirma sobre o funcionamento en colaboración cos concellos e sobre uns alimentos que están a recoller o persoal de Protección Civil.

ACHEGAS

No actual contexto da crise sanitaria xerada pola COVID-19 destaca a "solidariedade" de empresas e de particulares, con achegas económicas destes últimos. A iso, suma a colaboración das administracións, entre a que cita a achega económica que recibiron da Xunta para sufragar gastos.

"Grazas a eles estamos a saír da fochanca", apunta ante a demanda existente e lembrando a imposibilidade de celebrar este ano iniciativas como 'Operación Quilo' ou 'Maio Solidario' que lles permite abastecerse dos alimentos necesarios para varios meses.

Desde Ourense, o presidente do Banco de Alimentos, Cecilio Santalices, remarca a iniciativa da Deputación de pór á súa disposición medios transporte, así como persoal deste organismo provincial para colaborar como voluntarios.

E é que estas entidades notaron, debido á COVID-19, un descenso do número de persoas que traballan no seu voluntariado ao tratarse, na súa maioría, de persoas xubiladas que forman parte do grupo de risco e polas medidas de confinamento decretadas.

Neste contexto, Conchi Rei indica que todos os días están a recibir chamadas de peticións."Cada día son máis as persoas que nos chaman", engade recoñecendo que prevén que esta situación "vaia a máis" polos efectos que a pandemia tivo na destrución de emprego.

AFRONTAR O "DESAFÍO"

"Empézanse a notar problemas, pero estamos a liquidalos coas achegas de empresas e particulares", asegura sobre os produtos que necesitan. "É un desafío que se nos presenta", recoñece, a este respecto, o presidente do Banco de Alimentos de Vigo --con instalacións tamén en Pontevedra--, Pedro Pereira, quen cre que a situación vai ser "bastante peor que na última crise económica".

"Hai xente para a que é o seu segundo mes sen cobrar, despedida polos ERTEs, a que vén da economía mergullada... e aí está o risco maior". "E está a aflorar máis", apunta en alusión a colectivos dos que considera que, a medida que avancen os días, vanse a ver "un pouco apertados". Por iso, como os demais representantes de bancos de alimentos, incide en manter a colaboración de particulares, empresas e administracións nos meses seguintes.

E é que, aínda que nestes momentos todos os bancos de alimentos galegos aseguran dispor de lotes para distribuír, xa sexa de froitas e hortalizas como arroz, pasta, leite ou outros artigos, recalcan que a súa preocupación está en como afrontar o incremento da demanda que prevén e como seguir solicitando os alimentos que necesitan.

"REPARTIR E CONSEGUIR"

"Repartir e conseguir", sintetiza o presidente do Banco de Alimentos de Ourense, Cecilio Santalices, quen explica que agora están "envorcados" na repartición de alimentos, pero que deberán centrarse tamén en "conseguir máis alimentos e máis doazóns" para non quedar "co mínimo".

A este respecto, insiste, como os demais, en que a "xenerosidade" está a ser moi grande, pero insiste en que non hai que "descoidar" esta solidariedade porque "para dar hai que conseguir". E é que, segundo os datos achegados por este Banco de Alimentos, só entre marzo e abril, a repartición ascenderá a máis de 240.000 quilos de alimentos nesta provincia. "Teremos que apoiarnos nas redes sociais", apunta o presidente desta entidade en Vigo.

No caso de Lugo, a súa presidenta, Amadora Núñez, lembra que a súa repartición de produtos faise a 54 entidades e que dúas delas fan, á súa vez, esta distribución nunha nave situada á beira do almacén do que dispón o Banco de Alimentos. "Cada semana, estas entidades danlles a entre 100 e 150 familias", cita como dato.

Con todo, como os demais mostra a súa preocupación porque considera que aínda queda "o máis problemático". Con iso, fai referencia aos que aínda viven de recursos que quedan ou que se quedaron "sen nada", apostila sobre os que traballaban "sen contrato". Admitindo que "non vai ser fácil", móstrase convencida, a pesar de todo, de que se sairá "adiante". "Somos un país de loitadores", asegura optimista pese ao actual contexto.

VOLUNTARIADO

Mentres, desde outro banco de alimentos situado en Santiago inciden na importancia de que o voluntariado siga achegando a súa colaboración, convencidos de que o farán "cando se levante o estado de alarma".

No seu caso, manifestan que a súa situación non é "alarmante" grazas ás axudas e que, por ese motivo, "non lles escasean os alimentos", pero coinciden en que "cando se normalice a situación empezará o problema" debido ao número de persoas "no paro". "Entendo que o peor está por chegar", engade un dos seus voluntarios, o único que traballa nestes días na citada nave de Compostela.

Voluntarios do Banco de Alimentos nunha nave da entidade. BANCO DE ALIMENTOS DE VIGO
Voluntarios do Banco de Alimentos nunha nave da entidade. BANCO DE ALIMENTOS DE VIGO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta