Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/05/2020 | Actualizada ás 20:50
As catro provincias galegas entran na Fase 1 da desescalada a partir deste luns, 11 de maio, segundo anunciou este venres o director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón.
Minutos antes de comparecer publicamente, o ministro Illa comunicou ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, a decisión acordada polo comité de expertos. Fíxoo no Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, no que participaron o Goberno e as comunidades autónomas este venres.
ADVERTENCIA
Pola súa banda, o ministro de Sanidade, Salvador Illa, asegurou que na nova fase de desescalada das medidas impostas para loitar contra o novo coronavirus vai ser "máis necesario que nunca" a disciplina social, o lavado frecuente de mans, o distanciamento social, a hixiene en espazos públicos e privados e o uso obrigatorio da máscara.
Nunha rolda de prensa xunto ao director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón, para explicar os criterios para permitir o paso á fase 1 da desescalada, o ministro de Sanidade comentou que o 51 por cento da poboación poderá pasar a esta fase, aínda que insistiu na importancia de que leven a cabo as medidas preventivas.
"Agora é máis necesaria que nunca a disciplina social, a distancia interpersoal, o lavado frecuente de mans, a hixiene e o uso obrigatorio das máscaras", dixo Illa, para subliñar a importancia de que na nova etapa se consolide o logrado na primeira, "consolidar o control da epidemia" do coronavirus.
FEIJÓO
Pola súa banda, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, saúda que o Ministerio de Sanidade determinase que a comunidade galega pase a fase 1 do proceso de desescalada.
Tras o anuncio do director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón, sobre cales son as unidades territoriais de España que poden pasar á seguinte fase, o titular do Goberno galego publicou un tweet no que considera que esta decisión supón "un estímulo para todos".
Neste sentido, o presidente galego manifestou: "Galicia pasa á fase 1 e é un estímulo para todos que hai que agradecer especialmente aos profesionais sanitarios. Pero non debemos relaxarnos. Ao contrario: temos que redobrar prudencia e responsabilidade individual polo ben de todos. #Sentidiño".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.