Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 20/05/2020 | Actualizada ás 21:00
Non é unha porcentaxe importante, pero si reseñable. Os datos entre o estudo epidemiolóxico da Xunta e o do Goberno central non cadran. O do Sergas apunta a un índice de prevalencia en Galicia do 1,15%, mentres que o Ministerio de Sanidad asegura que é o dobre, un 2,1%.
O Sergas xustifica esta diferenza en que ambos "dan diferentes perspectivas". "O obxectivo era distinto", destacou este mércores o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal, que confirmou que non se tivo en conta a circulación do virus en residencias de anciáns.
Neste sentido, puntualizou que o do Sergas mide a circulación por un territorio "onde a unidade é o cidadán dunha rexión", fronte ao do Ministerio de Sanidade, centrado no comportamento do virus "na unidade familiar", matizou. Tamén insistiu en que o do Ministerio busca determinar a transmisión na unidade familiar e o do Sergas "nunha comunidade autónoma". "Son estudos complementarios", abundou para "saber como circula o virus".
Por outra banda, preguntados polo motivo da non inclusión no estudo do Sergas de datos de residentes en institucións como centros de maiores, Hervada aclarou que "se excluíron porque a circulación do virus é diferente entre a poboación que está en institucións pechadas".
Respecto diso, Aboal concretou que non se incluíron persoas de residencias porque o estudo do Sergas "buscaba a circulación do virus por Galicia", por "áreas sanitarias, grandes municipios e comarcas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.