Están preparadas as brigadas contraincendios para non contaxiarse coa COVID-19?

A falta de probas PCR entre todo o cadro contraincendios da Xunta non permite coñecer a extensión do coronavirus entre as brigadas. As medidas de desinfección, profilaxe e distancias farán variar o desenvolvemento dalgunhas tarefas. E todo isto nun ano en que a vexetación medrou de maneira abundante logo dun ano de choivas.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 22/05/2020 | Actualizada ás 14:31

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia ten dúas frontes abertas este ano para a campaña contraincendios. O lume, o inimigo de todos os anos, e a COVID-19, un inesperado inimigo que complicaría máis as tarefas de prevención e extinción das brigadas, emisoristas e vixilantes. As negociacións para levar adiante o seu traballo con seguridade deixaron algúns puntos sen pechar por parte da administración autonómica, segundo as fontes sindicais. Un deles, as probas PCR para detectar contaxios antes de comezar a traballar.

Efectivos contraincendios da Xunta limpan residencias en pequenos municipios. XUNTA - Arquivo
Efectivos contraincendios da Xunta limpan residencias en pequenos municipios. XUNTA - Arquivo


AS PROBAS PCR

Os profesionais do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (Spdcif) foron parte dos equipos de desinfección contra a COVID-19. Estes voluntarios coñecen como funcionan os equipos de seguridade ou (EPIs) para evitar o contaxio. De momento non se reportaron casos de infeccións entre o persoal que traballou en tarefas de desinfección. Aínda así, as probas PCR de detección do coronavirus non recolleron a todas as persoas que forman parte do Servizo contra Incendios.

Durante as negociacións entre sindicatos e administración autonómica, a pregunta de se se ían facer as PCR, desde a Dirección Xeral de Montes a resposta foi que “se está estudando” segundo Carlos Hermida de CCOO. “Tampouco dixeron por que non se lle fixo a todo o persoal do SPDCIF”. Concretando máis, os representantes da Xunta respondían que o risco era baixo por traballaren no exterior.

O temor das autoridades ao “repunte” da COVID-19 logo do verán, a partir dos meses de setembro e outubro, non pareceu ser abondo para maiores medidas profilácticas. “Non hai suficientes probas PCR feitas, o que si hai son protocolos para as quendas de traballo” di Manuel Martínez da CIG. “As PCR parece ser que se farán cando se poda”.

Brigada de Extinción de incendios
Brigada de Extinción de incendios

Durante as mesas de negociación, pedíronse grupos de traballo sobre a incidencia que puidera ter o coronavirus. “Creo que deberan terllas feito aos voluntarios que foron desinfectar” di Marcos Rodríguez da UGT. “Por parte da Consellería non se fixo, se acaso puideron pedila mediante o médico de cabeceira na Seguridade Social”.

MEDIDAS DE SEGURIDADE

A nova situación precisa dunha nova maneira de facer. Deben axeitarse os métodos de sempre con novas accións para evitar o risco de contaxio. A desinfección de vehículos, EPIs, a non masificación dos lugares de traballo e limitar o número de persoas por vehículo son algúns dos pasos que se queren dar.

“Os vehículos deben ser desinfectados o mesmo que os centros de traballo” di Carlos Hermida. “Eses traballos de limpeza e desinfección faranse ao entrar e antes de saír” di Manuel Martínez. O caso é saber se aplicar eses protocolos de limpeza pode ralentizar o traballo de prevención e extinción. “Debemos adaptarnos, adestrar para que a precisión e a urxencia non queden afectadas polas novas condicións”. Esas novas condicións implican ademais que as brigadas non coincidan na base, deixando unha marxe de tempo entre unha quenda e outra. Propúxose a elaboración de quendas en horarios alternos que evitasen a exposición entre grupos entrantes e saíntes, mais a resposta segundo as fontes sindicais foi que a Xunta o estudaría.

“Desde a Xunta falaban de que o quinto membro da brigada rotase indo por exemplo, coa motobomba, mais esa rotación pode ser un risco de contaxio” sinala Marcos Rodríguez, que insiste “a rotación pode paralizar todo un distrito por contaxio”. Non obstante, dentro dos vehículos e en desprazamentos, todos os membros da brigada deben levar o EPI posto.

Os EPI de protección contra o lume poden resistir temperaturas de lavado de 60º, mentres que a temperaturas superiores perderían eficacia. “As medidas de seguridade falan de lavados a 60º, e nós pedimos que se instalaran lavadoras nas bases de traballo” di Carlos Hermida. “Estas fundas deben lavarse todos os días e a maioría levámolas para a casa onde as lavamos”, apunta Hermida. En tal caso, se a temperatura é a suficiente para frear o virus, non habería risco, mais este punto tamén está por verificar.

O plan de seguridade da Xunta xa foi publicado. Non obstante, os sindicatos consideran que se poden implementar medidas que garantan unha maior seguridade entre o persoal. Un exemplo son os reténs de vixilancia para avisar se o lume volve prender. Son equipos que permanecen dentro dun vehículo, que medidas se poden adoptar? Tamén as brigadas que se desprazan en helicóptero, “onde hai máis risco” di Rodríguez. As distancias son máis difíciles de manter co que a idea sería enviar só a metade da brigada.

O traballo das brigadas contra incendios este ano ten duplo risco. As medidas de seguridade, presentadas pola Xunta, teñen puntos que se poden modificar ou mellorar para os sindicatos. Outros puntos, como os desprazamentos, quendas, rotacións e reténs, así como as probas PCR quedan de momento no aire.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Aris

Co virus non vai ser dabondo, todo parece, para botar a Frijolito. A ver que pasa logo cos incendios. Seguro que por riba vai chover cando menos se precisa.