Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 08/06/2020 | Actualizada ás 12:08
A creación de sociedades mercantís durante o pasado mes de abril en Galicia esborrallouse nun 75,4 por cento, segundo os datos feitos públicos este luns polo Instituto Nacional de Estatística (INE). O instituto recolle que, en pleno estado de alarma, creáronse en Galicia 92 empresas fronte ás 374 constituídas no mesmo mes do ano 2019.
A Coruña liderou a creación no período, recollendo 45 sociedades novas fronte ás 25 de Pontevedra, as 18 da provincia de Lugo ou as 4 de Ourense. Porén, a nivel de capital desembolsado, Pontevedra domina a conta: as súas sociedades mercantís contaron con 9'5 millóns de euros fronte ó medio millón de A Coruña e Lugo e os apenas 55.000 euros de Ourense.
Á parte, foron rexistradas operacións de aumento de capital en 42 sociedades, por valor de algo máis de 19 millóns de euros. A maior parte destas sociedades están radicadas nas provincias da Coruña (15) e Pontevedra (23).
As operacións de redución, en troques, afectaron a 18 sociedades, por valor de 46,9 millóns de euros, e disolvéronse, tamén durante o mes de abril, 24 empresas (un 85,3 por cento menos que hai un ano, cando se disolveron 163 sociedades). Das empresas disoltas, 10 eran da provincia da Coruña, 7 de Pontevedra, 5 de Lugo e 2 de Ourense.
DATOS ESTATAIS
Os datos rexistrados en Galicia son lixeiramente peores que os do conxunto do estado, onde o número de novas sociedades mercantís esborrallouse un 73,4% con respecto a abril de 2019, o seu maior retroceso de toda a serie histórica, iniciada en 1995. En total, en abril creáronse 2.311 empresas, tamén mínimo da serie.
Co retroceso de abril, marcado pola crise sanitaria e o estado de alarma, a creación de empresas encadea catro meses de taxas interanuais negativas despois de ceder no mes de xaneiro case un 4%; en febreiro máis dun 9%, e en marzo máis dun 28%.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.