Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/06/2020 | Actualizada ás 19:49
O ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luís Escrivá, garantiu que ningún beneficiario do ingreso mínimo vital (IVM) do Goberno central percibirá menos que coas prestacións de comunidades, como poida ser a Risga en Galicia.
"Ninguén quedará nunha situación peor da que estaba", asegurou Escrivá nunha entrevista nos Almorzos de TVE ao ser preguntado pola compatibilidade das axudas autonómicas co IVM.
O titular de Inclusión explicou que precisamente o obxectivo do ingreso mínimo é homoxeneizar unha situación que ata agora era "extraordinariamente heteroxénea". Neste sentido, lembrou que as autoridades europeas viñan recomendando a España pór "un mínimo nacional".
O ministro amosou confianza en acadar ao maior número posible de beneficiarios. "En certas comunidades sabemos que imos chegar a moita máis xente do que se chegaba ata agora", engadiu.
XESTIÓN AUTONÓMICA
Sobre a xestión do ingreso mínimo vital que reclaman algúns gobernos autonómicos, volveu a xustificar o convenio co País Vasco e Navarra e indicou que "no resto iranse avaliando". Pero fixo fincapé en que o importante é que as prestacións "se xestionan ben e non haxa incidencias".
O ministro rexeitou sufrir presións para axilizar a aprobación da renda mínima. "Fixemos as cousas nos tempos que tiñamos previstos, expómonos un horizonte de tres meses e así o puidemos facer", indicou.
INMIGRACIÓN
Por outra banda, Escrivá rexeitou os argumentos de Vox de que a axuda terá un efecto para a inmigración ilegal e lembrou que ningunha prestación da Seguridade Social pode ser percibida por persoas que se atopan en situación irregular en España. Así mesmo, engadiu a condición do ano de residencia para o caso da renda mínima vital.
Por iso, asegurou que os argumentos da formación de Santiago Abascal "non responden a ningunha realidade", porque "a principal motivación dos migrantes é saír de situacións extremas nos seus países". Pero ademais, indicou Escrivá, "os países con mellor nivel de renda como os nórdicos teñen programas deste tipo e moi ben deseñados".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.