Por Galicia Confidencial | Xunta | 12/06/2020 | Actualizada ás 21:09
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, defendeu este venres distribuír os fondos que reparte o Goberno central, nomeadamente en educación, segundo “as necesidades” da Xunta e non segundo o criterio de reparto de Madrid.
Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, Feijóo matizou que dixera na xuntanza cos presidentes autonómicos que quere utilizar os fondos de educación para outras cousas. “Non se pediu permiso para os fondos de educación, senón para que eses fondos poidan ser utilizadas en diferentes áreas”, dixo. Neste sentido, lembrou que se anunciaran entre 50 e 60 millóns para políticas sociais “que xa non están”. “Lóxicamente nin as entidades, nin nós compartimos que non se destinen nada para esta área”, xustificou.
“Non queremos quitar nada a educación, pero que nos deixen a nós, que somos maiores de idade, destinar o diñeiro para que o queiramos, sexa para temas educativos, sanitarios ou de política social”, dixo.
PROTOCOLOS
Por outra banda, Feijóo insistiu en reclamar "un protocolo único" en España para o inicio do curso 2020/21, á vez que cualificou de "xenérico" e sen "concrecións" o documento presentado este xoves polo Ministerio de Educación e Formación Profesional ás autonomías.
Durante o encontro, o Goberno central subscribiu con todas as comunidades, salvo Madrid e Euskadi, un acordo que establece que o curso 2020-2021 terá 175 xornadas lectivas e que os centros deberán adaptar as súas programacións didácticas para "recuperar as aprendizaxes imprescindibles non alcanzados" durante os meses de ensino a distancia polo coronavirus. Ademais, segundo o documento, as autonomías asumen a elaboración de protocolos de actuación para garantir a hixiene, limpeza e o control sanitario nos centros e ante posibles "eventualidades".
"Creo que se pode subscribir, entre outras cousas porque nos interesa buscar o maior consenso posible. Pero é necesario, na miña opinión, seguir desenvolvendo ese documento, porque enseguida temos que concretar as particularidades do próximo curso", insistiu.
Por iso, apelou a "ir aquilatando" ese documento "xenérico" para conseguir "un protocolo único" que garanta a maior "equidade" entre os alumnos de todo o Estado, aínda que se mostrou "a favor" de que certas decisións as adopten as autonomías.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.