Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/06/2020 | Actualizada ás 22:20
Byebyefeijóo é unha campaña que vén de lanzarse nas redes co obxectivo de denunciar a xestión política de Feijóo nos seus 11 anos de goberno á fronte da Xunta de Galicia. Baixo cancelos como #byebyefeijóo, #enonvolvas, #atéaquífeijóo, #feijóomalxestor ou #stopfeijóo, esta iniciativa popular busca visibilizar a realidade galega que deixan as políticas do PPdeG “que converten Galicia nunha terra queimada que precisa un cambio urxente”, sinalan na presentación da campaña.
A través de frases curtas, Byebyefeijóo fai publicacións diarias onde expón datos da última década relacionados cos diferentes sectores económicos galego. No seu pouco tempo de vida, a iniciativa xa está tendo unha boa acollida e suma xa máis de 2.000 seguidores na súa conta de Facebook, máis de 600 en Twitter e máis de 1.400 a Instagram.
Ás portas das eleccións galegas do 12 de Xullo, esta campaña insta a mobilizar “a túa aldea, vila ou cidade” e a espallar o #Byebyefeijóo polas redes e polas xanelas e balcóns. “Que quede ben claro que non queremos catro anos máis de PP nas eleccións galegas do 2020. Desta vai!”, falan os impulsores.
“O goberno de Feijóo subvencionou con máis de 875.000 euros o Grupo Voz (La Voz de Galicia)”; “O goberno de Feijóo favorece a educación privada e concertada que aumenta en 600 postos de profesorado dende 2009”; ou “O goberno de Feijóo reactiva 975 proxectos de gran impacto ambiental durante o Estado de Alarma bloqueando as alegacións veciñais” son algunhas das publicacións que polo de agora viñeron facendo nas redes, sempre acompañadas da fonte orixinal da que proceden os datos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.