Paralización da sanidade galega: O Sergas reduciu un 62% as intervencións de corazón tras o Estado de Alarma

A teleasistencia non funciona nestes casos, a pesar de ser o modelo da Xunta. Expertos sanitarios alertan sobre os efectos desta drástica redución e piden ás sociedades científicas e autoridades sanitarias que promovan, a pesar da actual situación, un tratamento adecuado.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 06/07/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A epidemia da COVID-19 e a declaración do estado de alarma propiciaron unha importante diminución na actividade na cardioloxía intervencionista en todo o Estado e que foi acusada nalgunhas autonomías, entre elas Galicia. Así o recolle o artigo o “Impacto de la pandemia de COVID-19 sobre la actividad asistencial en cardiología intervencionista en España” realizado por varios especialistas de hospitais españois, todos eles participantes do Rexistro de Código Infarto da ACI-SEC.

Operación cirúrxica
Operación cirúrxica | Fonte: EP

Segundo este estudo, na semana posterior á declaración do estado de alarma houbo unha diminución importante no tratamentos do IAMCEST (infarto agudo de miocardio con elevación do segmento  ST). A investigación confirmou unha redución importante da actividade asistencial durante a epidemia de COVID-19  e unha gran diminución no número de pacientes tratados con IAMCEST, co risco de incremento de mortalidade que isto supón.

Por iso, unha das conclusións dos expertos é que as sociedades científicas e autoridades sanitarias deberían promover que os pacientes con síntomas compatibles con IAMCEST demanden asistencia ao sistema sanitario para poder recibir un tratamento de forma adecuada, aínda a pesar da presión asistencial. De feito, estes datos demostran que a teleasistencia que queren intensificar algunhas autonomías, entre elas Galicia, non serve para este tipo de patoloxías.

CASO GALEGO

Así, e no caso de Galicia, o estudo sinala que baixaron tanto as intervencións coronarias, como as actividades diagnósticas. Neste último caso, os procedementos diagnósticos semanais antes da epidemia por COVID-19 eran 161 e baixaron a 81, un 50%, durante o confinamento.

Sistema para interpretar o electrocardiograma
Sistema para interpretar o electrocardiograma | Fonte: USC.

No que ten que ver cos procedementos terapéuticos coronarios semanais antes da epidemia eran 64 e baixaron a 52, cunha redución de case o 20%. Por outra banda, houbo 28 procedementos no seo de tratamento de IAMCEST, fronte aos 25 da semana seguintes á declaración do estado de alarma, baixando un 11% as intervencións.

BAIXADA MÁIS ACUSADA

Pero a baixada máis acusada foi a das intervencións estruturais coronarias, é dicir, as operacións relacionadas co corazón, que pasaron de 13 antes da COVID-19 a 5 na semana posterior. Unha reducción do 62%.

ESTUDO

O obxectivo deste estudo foi cuantificar como a Covid influíu nos sistemas sanitarios, especialmente, na diminución de moita outra actividade sanitaria, neste caso, a coronaria. O método de estudo foi a realización dunha enquisa telemática a 81 centrol das 17  comunidades con procedementos  de código infarto. Recolleuse información sobre a actividade diagnóstica, o intervencionismo coronario, o intervencionismo estrutural e o intervencionismo  no seo do  infarto  agudo  de miocardio.

En Galicia, os centros que participaron nesta enquisa foron o Complexo Hospitalario Universitario A Coruña, o Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, o Hospital Universitario Lucus Augusti e o Hospital Clínico Universitario Santiago de Compostela. Comparáronse dous períodos,  entre o 24 de febreiro e o 1 de marzo  (antes do inicio da pandemia  en España)  e o outro entre o 16 e o22 de marzo (durante a pandemia).

Os autores do estudo foron Oriol Rodríguez-Leor, Belén Cid-Álvarez,Soledad Ojeda, Javier Martín-Moreiras,  José Ramón Rumoroso, Ramón López-Palop, Ana Serrador, Ángel Cequier, Rafael Romaguera, Ignacio Cruz,Armando Pérez de Prado, Raúl Morenol, en nome de todos os participantes do Registro de Código Infarto de la ACI-SEC

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta