Por Galicia Confidencial | LUGO | 13/07/2020 | Actualizada ás 00:12
Feijóo dorme tranquilo unha noite electoral máis logo de revalidar a maioría absoluta no Parlamento galego. Apuntábano algunhas enquisas nos últimos días, mais o escenario era se cadra o máis aberto dos últimos tempos e deixaba oco para unha certa esperanza da esquerda, que vía neste contexto unha oportunidade para facerse cun feixe de deputados e poñerlle fin aos once anos de goberno popular.
O PPdeG confiaba en que Galicia falase "alto e claro", en palabras de Miguel Tellado, e os resultados axústanse a esas expectativas: 41 escanos, os mesmos ca na última lexislatura. Feijóo non vai polo camiño de ser Fraga. Xa é Fraga. Don Manuel vive hoxe en Alberto, que non leva o 'don' diante pero garda as mesmas formas. "Seguro que estaría orgulloso deste PPdeG", dixo, na súa memoria.
Igual ca o 'león de Vilalba', o dos Peares encadea un cuarto mandato con maiorías amplas e eríxese coma o sostén dun Partido Popular español que esgaza co modelo de Pablo Casado. "Bríndolle este triunfo a todo o PP estatal", dicíalles o candidato reelecto nunha chiscadela pola unión.
Non só iso. A nova vitoria de Alberto Núñez Feijóo chega no medio dunha pandemia e malia o foco de coronavirus que afecta A Mariña. Pouco importaron estes factores, que mesmo parecían amedrentar as filas populares, cargadas de nerviosismo nos últimos días ao pensar como a crise sanitaria podería poñer en xogo a participación dos máis maiores.
Pouco importaron, diciamos, porque os resultados volven ser de gusto para o PP. Incluso pode que máis satisfactorios do que eles mesmos agardaban. "Este enorme apoio ilusióname máis ca o primeiro día", sostiña o líder do PP. A continuación da dereita á fronte da Xunta tronza a alegría comedida da esquerda nacionalista, que sobe con forza coma naquel 1997 que agora nos vén á cabeza con este Parlamento tricolor.
A enquisa de GFK para a CRTVG deixaba no aire a maioría de Feijóo e abría a porta a un goberno encabezado por Ana Pontón. Que se lle pasaría pola cabeza a este 'O Noso Presidente' ao ver tales datos? No caso de poñerse tenso, pouco lle durou o disgusto. Axiña soaba o 'One more time' tan significativo no Hotel Eurostars, onde se xuntou o equipo. "Síntome con máis forza ca nunca", confesaba visiblemente satisfeito, mentres lle deu por contar anécdotas con tintes futbolísticos e moito protagonismo da súa familia.
Remataba a súa intervención co seu lema de campaña: 'Galicia, Galicia, Galicia', e engadía unha cuarta 'Galicia' coma quen fía unha nova lexislatura que desexaba como auga de maio. Aí está: Feijóo volve durmir tranquilo. Quedan en vela o resto.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.