Listas de contratación do SERGAS, "hoxe en día é como apuntarte a unha ETT"

Profesionais e sindicatos consideran abusivo e carente de ética o feito de pagar taxas para entrar en listas de contratación do SERGAS. Se ben xa non se paga anualmente para renovar estas relacións de traballadores e traballadoras, desde sectores laborais ven as taxas como un sistema máis de recadación e, un agravante do sistema de contratación para profesionais sanitarios.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 23/08/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Sindicatos e persoal empregado no SERGAS non consideran moi ético o feito de que un ou unha traballadora pague para figurar en listas de contratación. Máxime cando estas listas se empregan para a cobertura de postos dentro da administración pública. Con todo, hai categorías profesionais desas listas que “nunca se moven”, é dicir, persoal inscrito que non entrou nunca en contratación debido, maiormente, á externalización dos servizos para os que se inscribiron.

Unha profesional do Sergas utiliza a ferramenta TELEA. SERGAS
Unha profesional do Sergas utiliza a ferramenta TELEA. SERGAS

Outra cuestión é o feito de figurar en listas onde, ademais de pagar por estar dentro delas, moitas veces os e as profesionais acoden a postos de traballo moitas veces en condicións “case de escravitude”.

O SISTEMA DE TAXAS

As taxas que se cobran son fixadas dentro da lei de orzamentos de Galicia para cada ano. “Isto non é negociable, establécese por decreto en cada administración, non se negocian as cantidades” di Javier González de CCOO. O prezo das taxas para figurar en listas de contratación dentro do SERGAS é de 18,04 euros para este ano 2020, salvo exencións totais ou parciais, nos casos previstos, que son desempregados de longa duración, familia numerosa ou persoas con algunha discapacidade. Desde o SERGAS sinalan que “o abono de taxas é so por primeira inscrición na categoría, e sempre que non estea incluído nalgún deses supostos de exención”.

O prezo dentro das listas de contratación non variou. O que si pode variar é o das Ofertas Públicas de Emprego (OPE) cuxos prezos de inscrición poden ir dos 25€ aos 50€ dentro das categorías do SERGAS. O prezo pono a administración competente. As actuais listas de contratación están “acollidas ao pacto de 2016” di María Xosé Abuín, da CIG.  Abuín remarca que “se cambias de categoría laboral, por exemplo de celador pasas a enfermaría, entón volves pagar”. Antes pagábase cada ano para renovar ata que “protestamos e acabamos pagando unha soa vez” di Abuín.

“Se non cambias de categoría laboral non pagas e os méritos que foches recollendo no teu traballo vanse aplicando, o teu expediente vaise actualizando automaticamente” explica Víctor Iglesias, de UGT. Iglesias lembra que tamén hai uns prazos para cumprir que son para a “inscrición é ata o 31 de outubro e os méritos que vas acumulando entran ata o 15 de outubro de cada ano”.  Estar en dúas categorías laborais diferentes implica pagar por cada unha desas categorías, por seren relacións de persoal de contratación diferentes.

SISTEMA EN CUESTIÓN

Algunhas voces ven que este sistema é unha vía máis de recadación do sistema autonómico. Mais o que si lles parece máis inxusto é o que sucede “naquelas listas onde o persoal se inscribiu e que son servizos que o SERGAS ten privatizados, parécenos unha fraude” di Abuín. Algúns exemplos son as listas de informáticos ou as listas de dietética e nutrición. Hai persoas inscritas nesas categorías “e o SERGAS as ten contratadas cunha empresa exterior”.

Para Víctor Iglesias este tería que ser un procedemento sen custes. “Antigamente podería ter custes debido á necesidade de contratar persoas” sinala Iglesias. “Agora hai unha plataforma electrónica onde ti metes os teus méritos”, antes había que facer reforzo contratando máis persoal administrativo. Mais, incidindo sobre o tema das listas, Víctor Iglesias cre que “hoxe en día o SERGAS é case como apuntarte a unha ETT, pagar para que acepten o teu currículo”.

Desde a Plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia, Manuel Martín considera que estamos diante dun escándalo “porque os contratos son precarios, tes que estar ao dispor da administración, porque senón quedas relegado a prazas máis baixas da lista”. Martín incide en que “é como  un tributo para unhas prazas precarias, estar ao dispor da administración para ao mellor traballar un día ou unhas horas, isto é de escravitude”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta