Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/09/2020 | Actualizada ás 09:00
O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) vén de estrear unha miniserie de videorreceitas sinxelas e para todos os petos cos alimentos de verán como protagonistas. O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia quere achegar o produto certificado ao consumidor galego conquistando o seu padal. Os catro capítulos xa están dispoñibles na web corporativa do consello e na canle de Youtube.
Embaixador veterano da marca, o chef monfortino Martín Mantilla Rodríguez, do restaurante Berso en Sober, pon unha vez máis o mandil do Craega para cociñar os catro pratos ecolóxicos elixidos para esta primeira entrega. Seguindo as súas indicacións paso a paso, calquera é quen de preparar na súa casa un menú con produtos certificados sen demasiados quebradeiros de cabeza.
PROMOCIÓN ONLINE
Por mor da pandemia, o Craega está redobrando os esforzos para redirixir as súas estratexias de promoción cara as canles dixitais. Ademais da miniserie de videorreceitas, a finais de agosto organizou por primeira vez unha xornada de formación online.
Entre o 5 e o 7 de novembro, a entidade participará na primeira edición virtual de Biocultura, a feira ecolóxica por antonomasia na Península. A través de Intereco, a asociación que agrupa ás autoridades públicas de control de agricultura ecolóxica de España, o Consello intervirá en diferentes actividades.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.