Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/09/2020 | Actualizada ás 15:15
A mocidade e rapazada galegas, cada vez máis preto de contar cunha canle de contidos infantís enteiramente en galego. Logo do fervor vivido nas redes sociais nos últimos días, a Mesa pola normalización Lingüística vén de anunciar que levará a creación dunha 'Canle Xabarín' ó Parlamento Galego a través dunha Iniciativa Popular para unha Proposición Non de Lei.
O anuncio da Mesa chega logo de que a plataforma conseguira recoller máis de 8.000 sinaturas na súa páxinas web pedindo a creación dunha canle enteiramente infantil. Porén, e segundo destacan na web, as sinaturas para botar adiante este trámite terán que volver ser recollidas para adaptarse ós requerimentos do Parlamento.
Dende a plataforma recoñecen que se trata dun proceso "máis complexo" pero destacan as "maiores garantías" de chegar a ter impacto político directo. "Estas sinaturas deben estar certificadas pola oficina do censo electoral", explica o presidente da Mesa, Marcos Maceira. Para conseguir replicar o apoio vivido na web, Maceira avanza que están a tecer unha rede con establecementos comerciais "de todo o país" onde se podería levar a cabo a sinatura de xeito legalmente comprobable.
O movemento a prol da conformación dunha terceira canle pública no seo da CRTV estalou nas redes logo da publicación por parte de Galicia Confidencial do nacemento dunha iniciativa en Twitter. Para conseguir o obxectivo de levar a petición ó Parlamento, a Mesa precisa un mínimo 2.500 sinaturas comprobables. "Contamos superalo por moito", zanxa Maceira.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.