Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/09/2020 | Actualizada ás 20:45
Toque de atención á Xunta de Galicia pola xestión da comunicación na pandemia. O decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia vén de solicitarlle ó Consellería de Sanidade que "faga públicos" datos sobre a crise sanitaria que ata o momento permanecen sen comunicar. Entre estes, o Colexio nomea "casos novos diarios, o tipo de test polo que foron obtidos ou a incidencia acumulada nos diferentes municipios", cifras que esixen en "formatos de datos abertos, reutilizables e inseridos en series históricas completas".
As demandas do Colexio, canalizadas nunha misiva ó novo conselleiro, oriéntanse a poñer fin ás "dificultades que están as ter os e as xornalistas para acceder á información do cadro da crise sanitaria", uns obstáculos seguidos con "preocupación" no Colexio. "A Xunta ten o deber de divulgar todos os datos sobre a pandemia de maneira accesible para toda a cidadanía", destacan facendo referencia ó artido 20 da Constitución Española, que recoñece o dereito a comunicar ou recibir libremente información veraz por calquera medio de difusión.
"OPACIDADE"
"A libre disposición dos datos sobre a pandemia para os medios e a cidadanía en xeral permitiría ás e aos profesionais da información analizar toda unha serie de elementos epidemiolóxicos, socioeconómicos e demográficos que poden contribuír a entender mellor o desenvolvemento da pandemia", destacan.
As críticas do Colexio á Xunta céntranse en que "Galicia é neste momento, xunto a Estremadura, a autonomía máis opaca do Estado na comunicación de datos sobre a Covid-19". Neste aspecto, destacan que "só algúns autos xudiciais feitos públicos polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia permiten coñecer parcialmente algúns datos pormenorizados sobre a enfermidade", feito que, ademais, revirte nunha disparidade na información dispoñíbel.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.