Por Galicia Confidencial | Sada | 25/09/2020 | Actualizada ás 12:49
O Concello de Sada aprobou este xoves unha moción na que piden que se investigue, e no caso se condene, ao monarca español emérito Juan Carlos I, pola suposta evasión fiscal de millóns de euros. Ademais, a moción reclama a posibilidade de que sexan os cidadáns os que decidan se queren ou non a monarquía a través dun referendo,
A proposta saíu adiante cos votos favorabeis de Sada Maioría, BNG e Alternativa dos Veciños, coa abstención do PSOE e co voto contrario do PP. A plataforma Galiza pola República e polo dereito a decidir, impulsora da proposta, destacou a importancia que ten ter aprobado esta iniciativa en forma de moción.
Para esta plataforma, integrada por diversas organizacións de carácter político, sindical, cultural, veciñal e mesmo persoas a título individual, o resultado da mesma "resulta tanto máis transcendente canto que trátase da primeira votación institucional que pon en entredito o papel da Monarquía en Galiza".
A este respecto, felicita ao concello de Sada por "situarse á vangarda dun movemento cada vez máis numeroso para desmontar progresivamente o fantasma perdurábel da ditadura e o seu entramado de intereses aínda afincados en moitos rincóns de Galiza como o Pazo de Meirás ou a Casa Cornide". Agora agarda que este acordo poida extenderse a outros concellos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.