Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/10/2020 | Actualizada ás 12:04
O presidente da Federación Nacional da Confraría de Pescadores e presidente da Confraría de Burela, Basilio Otero, asegurou que no sector afrontan a campaña de Nadal entre "o medo e a incerteza" no contexto de pandemia actual. Con moita "incerteza" porque, puntualizou, "isto cambia dun día para outro, e así un día non estás confinado, pero ao día seguinte si que podes estalo".
A pouco menos de dous meses das festas do Nadal, tamén se vive con "moito medo", manifestou, aínda que Otero destaca que a xente, no sector, "está a ser moi responsable". "Hai que ser responsables, cumprir coa normativa e esperar a que isto pase canto antes", desexou.
Con todo, o patrón burelense, comentou que "a campaña de Nadal vai estar moi condicionada polas medidas sanitarias que vaiamos ter". "Temos moita incerteza e moito medo aos prezos que poidamos conseguir", dixo.
En canto á pandemia e como repercute no sector, Basilio Otero lembrou que "saíron dúas axudas, do Goberno central e da Xunta aínda que a do Goberno central é bastante complexa para facer as certificacións dalgún documento", comentou.
"Agora non temos problemas de subministración de máscaras sobre todo", sinalou, para engadir, a continuación, que "o sector aquí no norte traballou exactamente igual que durante a primeira onda, que antes desa onda, e durante esta etapa de transición (á segunda onda)". "Nunca paramos de traballar, agora xa non temos problemas na subministración de EPIs (Equipos de Protección Individual), nin de máscaras", celebrou.
Finalmente ante a forte ondada na Mariña, o tamén patrón da Confraría de Pescadores de Burela confirmou que a frota segue amarrada a porto. "Veu unha ondada moi forte, con ondas grandes e forte mar de fondo", describiu sobre este temporal que afecta en especial o litoral da Coruña e de Lugo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.