Ferraz intervén na lea do PSOE coruñés a favor da agrupación local afín a Caballero

Rexeita o baremo de cotas establecido na provincia da Coruña, afín a Inés Rey, e di que a competencia é da executiva local, que controla a cesada Eva Martínez Acón.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 12/11/2020 | Actualizada ás 23:13

Comparte esta noticia

A Executiva Federal do PSOE tomou partido este xoves na lea inerna existente no PSOE coruñés que enfronta ao sector de Valentín González, presidente provincial, co sector de Gonzalo Caballero. Así, rexeitou este xoves o baremo de cotas establecido pola dirección provincial do partido na Coruña --que controla Valentín González e que é afín a alcaldesa Inés Rey -- para os militantes con cargos públicos. Un posicionamento que se interpreta como un apoio á executiva local, afín a Gonzalo Caballero, e que controla a edil cesada, Eva Martínez Acón.

A alcaldesa, Inés Rey, xunto aos concelleiros socialistas, entre os que está Eva Martínez Acón (segunda pola dereita)
A alcaldesa, Inés Rey, xunto aos concelleiros socialistas, entre os que está Eva Martínez Acón (segunda pola dereita) | Fonte: ANDY PEREZ - Arquivo

Nun comunicado ao que tivo acceso Efe, a executiva socialista expón que a táboa presentada por esta división do partido propón unha lista de cantidades menores aos limiares mínimos fixados pola dirección estatal, algo que non está permitido.

Así mesmo, detallan que estas cotas deberán rexerse polo que dispoña cada dirección competente, de modo que, a nivel municipal, serán as agrupacións as que establezan o que debe pagar cada alcalde ou concelleiro. Menteres, baixo o control das executivas provinciais, están os cargos en empresas públicas de ámbito provincial, cargos provistos mediante nomeamento ou aqueles que ocupen postos de libre designación na administración pública provincial.

Este posicionamento desde Ferraz chega en metade da polémica aberta na cidade da Coruña tras a destitución da concelleira de Emprego e Promoción Económica e secretaria da agrupación municipal do PSdeG, Eva Martínez Acón. Aínda que a alcaldesa Inés Rey alegou o mércores razóns de "nula dedicación ás tarefas de goberno" para xustificar o seu cesamento, a concelleira atribúe esta decisión ás discrepancias existentes entre os membros do goberno local e a agrupación municipal en relación ao abono das cotas de militantes.

Segundo a concelleira destituída, os cargos electos na Coruña están a pagar unhas cantidades que se rexen polo baremo da dirección provincial e que son "notablemente inferiores" -expón- "ás que lle corresponderíal abonar de acordo coa executiva federal".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Política de alto nivel... e agora virán os coches oficiais e os chalets (?)