Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 13/11/2020 | Actualizada ás 15:43
A conselleira delegada de DomusVi, Josefina Fernández, defendeu manter a colaboración público-privada no sistema de residencias, porque sitúa o seu custo "en niveis razoables" e cambialo podería facelos "inalcanzables". Por iso, apostou por "avaliar con precisión os custos" cando se fale dun eventual cambio, porque a súa medicalización suporía "duplicar o gasto en saúde" ou "aumentar de forma moi significativa" o prezo de cada praza.
Así se pronunciou este venres a responsable en España da principal empresa xestora de xeriátricos, durante a súa comparecencia nunha tensa sesión da comisión do Parlamento galego para a reactivación social e económica tras a pandemia do coronavirus.
No seu discurso, a responsable de DomusVi aseverou que os cambios expostos "poderían converter estes servizos en inalcanzables para as persoas e as familias máis desfavorecidas".
"Cando se deixa andar á imaxinación, no canto de avanzar sobre estudos serios de servizos, e no canto de programar residencias reais, prográmanse paraísos terreais. Recórrese facilmente á idea de estatalizar o servizo (...) e déixase falar de custo para só falar de dereitos", engadiu.
Josefina Fernández, quen empezou a súa intervención expresando os seus "respectos e condolencias" cara ás persoas que perderon a algún ser querido durante a pandemia da COVID-19, puxo o foco en "recoñecer o excelente labor e valentía" dos traballadores sanitarios e dos centros xeriátricos: "Heroes anónimos que estiveron e están en primeira liña de combate".
O momento máis tenso da sesión produciuse cando, por parte da oposición, o deputado socialista Pablo Arangüena lle dxo que "aínda non tivo a ben reunirse coas familias das vítimas" do coronavirus nas súas residencias. Tamén a acusou de tributar en "paraísos fiscais" e preguntoulle se o seu negocio "mellorou" por mor da súa "relación persoal" co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.
Tras a intervención do socialista, o presidente da comisión, o popular Diego Calvo, pediu "desculpas" á comparecente e lembrou a Arangüena que se trata dunha comisión "de estudo, non de investigación" e que "se ten algunha cousa que queira denunciar ou demostrar, ten outras vías ás que acudir".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.