As cifras que "oculta" a Xunta: "nas UCI hai máis pacientes covid dos que se publican"

Sanitarios denuncian que o Sergas rexistra como “curados” pacientes que deixan de dar positivo pero seguen ocupando unha cama de UCI. Por outro lado, Sanidade podería estar contando como UCIs máis do dobre das unidades das que en realidade ten.

Por Iago Codesido | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/11/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

As contas de Sanidade, en dúbida. Despois de oito meses de pandemia, queda sobradamente claro que os gobernos libran dúas batallas simultáneas, nas que os obxectivos non sempre van da man: unha contra virus e outra pola opinión pública. En ambas, os datos que se ofrecen da situación sanitaria teñen suma importancia. Por un lado, porque en base a eles decídense as restricións. Por outro, porque unha tendencia á alza ou á baixa pode afianzar ou debilitar un goberno.

Sanitaria nunha UCI, hospital, sanidade, virus, covid
Sanitaria nunha UCI, hospital, sanidade, virus, covid | Fonte: EFE

Os executivos españois e galegos non tardaron en ver a importancia das cifras nesta crise sanitaria. O 26 de abril, en pleno pico da primeira vaga, o Ministerio de Sanidad deixou de informar dos positivos que non foran recollidos con PCR. O resultado foi inmediato: en Galicia os casos caeron case á metade, como se pode comprobar na gráfica seguinte.

No caso da Xunta, o executivo de Feijóo non moveu ficha ata a segunda onda, cando á fin puido exercer as competencias que esixiu a Sánchez durante meses. Segundo desvelou Eldiario.es, o 29 de outubro Sanidade indicou aos sanitarios que deixaran de facer probas a contactos estreitos de positivos. Unha semana despois, o número de PCRs descendía e, con elas, comezaba a “estabilizarse” a curva.

Sendo evidente que os casos activos dependen, en fin, do número de tests que decidan facer as autoridades, o natural sería ollar ás hospitalizacións para comprobar realmente como evoluciona a pandemia. Acontece que, de acordo con sanitarios de toda Galicia, a Xunta estaría a "ocultar" datos de ingresos hospitalarios para ofrecer unha visión máis light da situación pandémica.

AS CIFRAS DO SERGAS

Cando menos, así o indican profesionais e sindicalistas das áreas sanitarias da Coruña, Lugo, Ourense e Santiago. O problema das contas de Sanidade céntrase nas UCIs, onde “hai máis ingresados por covid dos que informa o Sergas”, segundo destaca Paula, enfermeira do CHUO. A cuestión, indica a mesma sanitaria, é que o organismo dependente de Sanidade deixaría de contar como hospitalizados por covid os pacientes que dan negativo, aínda que sigan ocupando unha cama.

“En realidade si son ingresados por covid, aínda que as probas sexan negativas”, resume unha sanitaria do HULA que prefire non dar o seu nome. Os hospitalizados por covid, explica, deixan de dar positivo nas PCRs aos “10 ou 15 días” de ser ingresados. Segundo Paula, do CHUO, este fenómeno débese a que o organismo desenvolve anticorpos, como acontecería “cunha gripe ou calquera outra enfermidade vírica”. 

“NON TEMOS CLARO QUE NON CONTAXIEN”

Que os pacientes sexan negativos non significa, porén, que estean sans. Moitos deles, de feito, seguen a ocupar unha praza de UCI e ata un respirador, ao padecer pneumonías ou outro tipo de secuelas graves. No HULA, indica a sanitaria consultada, seguen a tratalos a todos os efectos como pacientes covid. “Non temos claro que non contaxien. Nós poñemos o EPI igualmente e tratámolos como un positivo. Así nolo mandaron facer dende o hospital”, explica.

Os casos “negativizados” --así se chaman-- danse en Ourense e Lugo, pero tamén hai constancia deles nos hospitais da Coruña e Santiago. Fontes hospitalarias e sindicais explican que esta circunstancia está presente “dende o comezo” da primeira vaga, xerando unha distorsión entre os casos notificados por Sanidade e os que de verdade hai. “A finais da primeira vaga, a prensa contabilizada un paciente cando tiñamos 5”, contan dende o HULA. “Na REA do CHUO había 5 negativizados na noite do mércores”, explica outra fonte anónima.

CURADOS’ SEN SAÍR DA UCI

Pero, onde van parar os casos negativizados? Segundo destacan os sanitarios, xeralmente estas persoas son trasladadas á UCIs limpas; onde, con todo, teñen preferencia á hora de ocupar cubículos illantes. Nas estatísticas, o curso é distinto: segundo as mesmas fontes, Sanidade estaría a contar estes casos como pacientes curados, sen que cheguen a poñer un pé fóra da unidade de críticos.

Galicia Confidencial tentou contactar coa Consellería para contrastar estas denuncias, sen obter resposta. En calquera caso, a hipotética trucaxe que a Xunta podería estar a facer cos datos resulta difícil de comprobar pola tan denunciada “opacidade” da xestión. Como explica Lucía Pose, da CIG, o Sergas “non dá nomes de quen está ingresado, só números”. O seguimento faise “imposible”: “cando baixan os casos da UCI covid non din se morreron, se negativizaron e pasaron á limpa, se foron trasladados á planta, etc.”.

DE 274 UCIS... A "CASE 700"

Esta mesma “opacidade” déixase ver nas porcentaxes de ocupación de camas que dá Sanidade. Segundo explica un divulgador en RRSS que prefire non dar o seu nome, a Xunta fala de ocupación de UCIs tomando como base moitas máis camas das que realmente pertencen a Críticos. De acordo con esta versión, a Consellería incluiría REAs, URPAS e demais unidades ampliadas para a ocasión ante o “colapso” das UCIs. 

Este recurso de Sanidade supón pasar de 274 camas que había antes da pandemia a “case 700”. Deste xeito, a porcentaxe de ocupación de camas é moito menor, unha distorsión da que dan conta os sanitarios. Unha fonte do CHUO pono claro: “hai dúas semanas o xerente dixo que estabamos ao 28% de ocupación, cando a UCI e a REA están cheas”. A conta real, di, “está entre o 80 e o 100%, se lle queres sumar as camas que hai a maiores na propia UCI”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta