O operador R acumula multas por maltrato aos clientes

Terá que compensar a un cliente con 240 euros por quitar da súa subscrición os partidos de Segunda División.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/12/2020 | Actualizada ás 17:16

Comparte esta noticia

O Instituto Galego de Consumo emitiu unha resolución pola que a operadora de telecomunicacións R, agora en mans da vasca Euskaltel, deberá abonar a un cliente unha compensación de 20 euros mensuais durante un ano (240 euros en total) por eliminar do servizo contratado a emisión dos partidos da Segunda División de fútbol (Liga Smartbank).

Diso informou a asociación de consumidores Facua Galicia, encargada de xestionar a reclamación por parte do cliente, veciño de Lugo, que contratara os servizos da operadora cunha oferta que, entre outros servizos, incluía a emisión dos partidos da categoría de prata do fútbol español.

Con todo, explica a asociación, durante os primeiros meses do inicio da competición na tempada a operadora informou o seu cliente que xa non dispuña dos dereitos de emisión dos partidos de Segunda pero ofrecíalle a opción de contratar por 19,99 euros a subscripción a unha plataforma (MiTele Plus, propiedade de Mediaset) que acababa de facerse co servizo para a súa distribución en exclusiva desta competición.

Ante esta situación, o cliente solicitou unha compensación á operadora por valor dos 20 euros mensuais que custaba o paquete de partidos. Tras ser rexeitada a súa petición, acudiu a Facua, que tramitou a reclamación ante o Instituto Galego de Consumo.

Finalmente, a entidade encargada da arbitraxe resolveu que R debe abonar a este cliente os 240 euros como compensación "por incumprimento contractual, ao excluír a prestación da canle de liga". "A tenor do disposto no artigo 1.101 do Código Civil procede a compensación ao reclamante na cantidade de 20 euros ao mes durante o prazo de doce meses", sinala o laudo arbitral, segundo recolle o comunicado da asociación de consumidores.

Operador de telefonía R, agora propiedade da vasca Euskaltel
Operador de telefonía R, agora propiedade da vasca Euskaltel | Fonte: marinedacity.es

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta