Así comeza o baleirado do 'rural': alumnado que marcha estudar ás cidades ante a falta de transporte público

Un informe da Confederación de Anpas Galegas detalla as problemáticas sufridas polo alumnado do rural galego. Piden á Xunta que garantan un sistema de transporte gratuíto para evitar que o rural se baleire.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/12/2020 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

“O transporte escolar é o gran problema do ensino público”. Así comeza o longo estudo que a Confederación de Anpas Galegas vén de presentar a respecto dunha realidade con escasa atención ata o momento. O informe en cuestión, que segundo destacan vén de ser enviado á Consellería de Educación, fai fincapé de xeito detido nunha serie de dificultades que, destacan, rematan por agravar a fenda que separa estudantes urbanos e do rural.

Autobús de Monbús
Autobús de Monbús | Fonte: wikimedia

Aínda que a denuncia fundamental das Anpas galegas céntrase no caso de pequenas poboacións rurais, a cuestión do transporte escolar abrangue á totalidade do territorio galego. E, en particular, ao estudantado dos niveis de educación non obrigatoria. Tal e como explican as Anpas, este concepto trae aparellado unha serie de problemáticas ante as cales, din,  a Xunta “non dá resposta”.

“Identificar ensino obrigatorio con transporte escolar é negar a realidade, que é exactamente o que fai a Consellería de educación”, explican. Esta afirmación tradúcese en que, no caso de alumando de bacharelato e FP, ao non tratarse xa de educación obrigatoria, o Estado non se fai cargo do transporte. “Sabemos que o bacharelato, ou os ciclos de FP non son obrigatorios, pero iso significa que  administración non ten que favorecer a súa oferta?”, pregúntanse.

A “DESIGUALDADE” DO RURAL

A cuestión central do informe, con todo, ten por obxectivo a mala situación do alumnado rural, que por razóns de dispersión e infraestruturas adoita telo máis difícil para achegarse ao seu centro de estudos. “O estudantado non universitario da zona rural nunca estivo nas mesmas condicións de igualdade co resto do alumnado galego”, destacan no informe.

A Confederación lembra, neste aspecto, as súas demandas a prol dunha “discriminación positiva” dos centros do rural para tratar de reverter as problemáticas demográficas da aldea galega. “Defender o rural de todas non é poñernos un traxe tradicional e pensar no bonita e natural que é a vida do campo durante unha festa ou unha foliada, defender o rural de todas e pensar nas oportunidades, nos valores económicos, industriais e marítimos, pensar nun aproveitamento forestal sostíbel...”, reflexionan.

Estas dúas circunstancias, falta de transporte exclusivo e mala comunicación no rural, provoca que, de acordo con conclusións do estudo, “o alumnado galego de zonas rurais está en clara desvantaxe á hora de acceder ao ensino preuniversitario non obrigatorio”. Segundo destacan, “hai unha importante deficiencia nas conexións de transporte público entre as zonas rurais e os centros de ensino non universitario de referencia”, o que provoca que os rapaces “abandonen o medio rural” ou vexan como “diminúen aínda máis as súas oportunidades”.

A Confederación de Anpas Galegas remitiu este escrito á Consellería de Educación da Xunta de Galicia coa idea de que esta incida nalgún cambio en favor deste alumnado do rural e das súas situacións. En concreto, demandan que o rural conte con transporte suficiente para que os rapaces poidan “manter alí a súa residencia” e que este transporte sexa “gratuíto”. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 anonimo

A idea esa de que todo sexa gratis é moi guai ,pero pouco realista. Ademais hoxe en todas as casas hai un coche.