Alertan da instalación de eólicos sobre nacementos de ríos en varias áreas con especies protexidas

Seis proxectos eólicos poderían danar afloramentos de auga que poderían danar áreas hidrográficas importantes como o río Anllóns e o Avia.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 13/12/2020 | Actualizada ás 14:25

Comparte esta noticia

As agrupacións ambientalistas Plataforma das Salgueiras, Asociación ambiental Petón do Lobo, Asociación galega Cova Crea, Plataforma Quijote de Outes, Asociación “O Ouriol” do Anllónse Plataforma SOS Suído, deron a voz de alarma ante posibles instalacións eólicas sobre afloramentos de auga ou nacementos.  Por este motivo pediron que Augas de Galicia e o Ministerio de Transición Ecolóxica interveñan para evitar a instalación de eólicos en seis lugares concretos.

Esteiro do río Anllóns en Ponteceso
Esteiro do río Anllóns en Ponteceso | Fonte: turismo.gal

O primeiro é o proxecto eólico Uxo, no concello de Avión. A zona de afección do parque eólico esténdese integramente na área  do Río Miño. Entre os regatos desta zona está o Regueiro de Riobó, que é afluente do río Abelenda que á súa vez verte as súas augas ao río Avia, o mesmo que o río de Couso.

A segunda área en risco sería a afectada polo parque eólico do Coto das Airas, entre os concellos de Fornelos de Montes e a Lama. O parque estaría sobre a Serra do Suído. A zona contén unha balsa de auga dentro dunha zona con abundante vexetación. Probablemente exista un acuífero subterráneo no mesmo lugar.

As seguintes catro posibles instalacións estarían na provincia da Coruña. Tal é o caso do proxecto eólico Banzas, nos municipios de Outes, Mazaricos e Negreira. Este proxecto aséntase sobre a nascencia de varios regos dando lugar a un humidal ou braña onde aflora a auga que posteriormente conformará os afluentes dos ríos Tines e do Tambre.

Tamén entre Outes e Mazaricos está o proxecto eólico Maragouto sobre a braña de Valadares. Desde o punto de vista hidrográfico a zona de afección do parque eólico Maragouto esténdese integramente na conca do Río Beba, pertencente á conca do Río Xallas e que ademais afecta a hábitats prioritarios e de interese comunitario. Neste caso denúnciase a falta dun estudo hidrolóxico e hidroxeolóxico, para evitar que a construción do parque afecte aos acuíferos e fontes que existen na área de implantación.

O parque de muíños de O Cerqueiral, entre os municipios de Coristanco e Santa Comba, obrigaría a abrir viais que producirán novas escorrentías nas vaguadas coa posibilidade de derrube de marxes. Segundo sinalan os grupos ambientalistas Greenalia prevé encauzar as augas do Rego Boaña e un afluente do mesmo, mentres que a empresa sinala “que no existirá impacto”. “O proxecto prevé actuacións que van a ter un impacto severo sobre a biodiversidade e os recursos hídricos”.

Por último o parque das Salgueiras en Ponteceso as obras afectan ao  Rego das Bouzas que ten o seu final no río Anllóns e o seu esteiro. Existen ademais outros regatos que  verten as súas augas de forma directa ao océano Atlántico, ben tras un percorrido por zonas de cantís ou ben en pequenas praias  areosas.

Os parques eólicos acabarían danando áreas húmidas coa alteración dos afloramentos e acuíferos das bacías hidrográficas, ademais de secar mananciais e zonas húmidas aumentando a intrusión salina nos acuíferos costeiros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta