Presos da ditadura piden a Defensa a retirada de 23 símbolos franquistas en Galicia

Aseguran que a maioría deles, ata trece, están en Ferrol e o resto noutras cidades de Galicia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/12/2020 | Actualizada ás 20:44

Comparte esta noticia

Dezaseis veciños de Ferrol que estiveron encarcerados polas súas ideas durante a etapa Franquista remitirán o vindeiro luns, día 21 de decembro, unha carta á ministra de Defensa, Margarita Robles, para reclamarlle a retirada de 23 símbolos franquistas existentes en Galicia, dos que a maioría, ata trece, están en Ferrol".

A iniciativa foi presentada este venres no Ateneo Ferolano por Manuel Monge, nun acto no que estivo acompañado de Rafael Pillado, Sari Alabau e Anxo Currás, todos eles asinantes da misiva.

Na súa intervención, Monge destacou que no Arsenal Militar de Ferrol hai varias rúas con nomes de "franquistas e militares golpistas que os sucesivos ministros de Defensa do PSOE e do PP mantiveron no tempo". Ademais, incidiu en que no antigo cuartel Sánchez Aguilera "aínda conserva un escudo franquista na súa fachada".

Na carta censuran que o departamento de Defensa se negue "desde hai anos" a cambiar o nome do Colexio Salvador Moreno, en Pontevedra; o mesmo que a Residencia de Estudantes Teniente General Barroso, en Santiago. "Trátase dun militar golpista que durante a Guerra Civil foi xefe do Cuartel Xeral de Franco e despois ministro do Exército de 1957 a 1962", lembran.

En canto á cidade da Coruña, destacan que no edificio de Capitanía Xeral "hai unha placa que sinala o nome da Sala de Honra: "Tte. Gral. Yagüe", coñecido popularmente como 'O carniceiro de Badaxoz'.

Outro exemplo do que dan traslado na misiva é o Museo Histórico Militar da Coruña. "O alí exposto podería corresponder perfectamente a calquera ano da ditadura, co retrato e o busto de Francisco Franco acompañado dun texto no que non se fai referencia a que o 18 de xullo de 1936 houbo unha sublevación militar contra a Constitución e o goberno lexítimo e democrático da República", critican.

Así mesmo, sinalan que nos retratos do Marqués de Cavalcanti (José Cavalcanti de Alburquerque e Padierna) e do xeneral José Luís Romero Corral "non se explica que se trata de dous golpistas que participaron no exército dos sublevados en 1936" e que Sergio Peñamaría de Llano ten un retrato con esta indicación, "uniforme de etiqueta de xeneral de brigada. Auditor xeral do exército e alcalde da Coruña", onde se pode ver o seu uniforme e noutra sala, nunha vitrina, a súa pistola.

IGREXA E HOSPITAL

Na carta tamén se cita a igrexa castrense de San Francisco en Ferrol ao asegurar que, na entrada e nun lugar preferente, hai unha gran cruz coa inscrición: "Caídos por Dios y por España".

Segundo denuncian os asinantes do texto, trátase "dunha igrexa convertida, coa colaboración do Ministerio de Defensa, nun auténtico museo de exaltación do franquismo". "Está tamén sinalizada a pía onde foi bautizado Francisco Franco", avisan.

Por último, apuntan que o Hospital Juan Cardona, no barrio de Caranza, "utilizando tamén o nome doutro militar golpista", á súa entrada, existe "unha escultura de Camilo Alonso Vega, que chegou a ser ministro de Franco, que é cualificado nunha placa como soldado heroico, gobernante exemplar e como paradigma de lealdades".

A carta está asinada por Fernando Miramontes Vázquez, Rafael Pillado Lista, Francisco Rodríguez Sánchez, Sari Alabau Albors, Vicente Couce Ferreira, Raúl Pillado Lista, Alfonso Tellado Sande, Antón Martínez Aneiros, Xosé Piñeiro Arnoso, Anxo Ferreiro Currás, Ignacio Fernández Toxo, Fina Varela Fontán, José María Freire Piñeiro, José Loureiro Fernández, Manuel Monge González e Ricardo Aneiros Sixto.

Retirada dun símbolo franquista na igrexa parroquial de Lalín a instancias do cura párroco
Retirada dun símbolo franquista na igrexa parroquial de Lalín a instancias do cura párroco | Fonte: Concello de Lalín

APOLOXÍA "PERMITIDA" POLO MINISTERIO

Os asinantes consideran que a petición goza agora mesmo de "total actualidade" despois dos "pronunciamentos ou manifestos de militares franquistas", en clara alusión ao chat de Whatsapp no que altos cargos retirados falaban de "fusilar" a "millóns de rojos".  Neste aspecto, critican que "o propio ministerio de Defensa promociona ou permite a apoloxía, exaltación ou enaltecemento do franquismo", unha circunstancia á que pretenden poñer fin.

A mobilización presente pretende servir como continuidade do manifesto "Non queremos o 'Camarada Fraga' como fillo adoptivo", que en 2018 recolleu o apoio de 63 historiadores de 56 entidades de toda Galicia, segundo os agora asinantes. "Como resultados daquela iniciativa, o pleno do concello de Ferrol de 25 de abril de 2019 aprobaba retirar a Manuel Fraga a distinción de Fillo Adoptivo, concedida na ditadura en 1965".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta