Así é a “fragmentación irregular” que emprega a Xunta para seguir construíndo parques eólicos

Petón do Lobo, Cova Crea e O Ouriol dos Anllóns denuncian "posible corrupción" da Xunta nun proxecto eólico da Costa da Morte.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/12/2020 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Nova denuncia contra a construción dun parque eólico por “posible corrupción” administrativa a mans da Xunta de Galicia. Logo dunhas semanas de reivindicación contra a política eólica autonómica, o foco está agora posto en tres proxectos eólicos de Vimianzo e Dumbría que, de acordo con varias plataformas, serían, en realidade, só un. Esa é a denuncia de Petón do Lobo, Cova Crea ou O Ouriol dos Anllóns: que a Xunta tería fragmentado de xeito “fraudulento” un parque eólico para impulsar a súa construción.

Imaxe de arquivo duns muíños de vento. ENEL GREEN POWER - Arquivo
Imaxe de arquivo duns muíños de vento. ENEL GREEN POWER - Arquivo

O proceso que veñen de denunciar estas plataformas para o caso concreto de Vimianzo repítese en moitos dos sobre os que as asociacións verdes de Galicia chaman a atención. O proceso é sempre o mesmo, en esencia. De acordo coas asociacións críticas, os responsables administrativos proceden a tramitar a construcións dos parques de xeito fragmentado para así “evitar a avaliación global dos impactos ambientais”; que se prevé maior no caso de ter en conta toda a extensión.

E este sería tamén o caso dos paques Alto da Croa, Alto da Croa II e Tourado, todos eles da promotora Greenalia Wind e que, dende as plataformas sinaladas insisten “son un único parque éolico”. Segundo destacan as plataformas, o caso de “posible corrupción" arrinca en 2018, cando os proxectos do Alto da Croa e Tourado foron declarados de interese especial polo Consello da Xunta, actividade que os ecoloxistas datan no 6 de setembro de 2018.

INFRAESTRUTURAS COMPARTIDAS

Este 2020, o goberno autónomo procedeu a aprobar definitivamente o proxecto de Alto da Croa. Segundo destacan as asociacións denunciantes, a aprobación tivo lugar sobre “unha declaración de impacto ambiental desfasada e obsoleta”, que estaría sen actualizar dende o ano 2010. No 2010 tivo tamén lugar o concurso eólico do que emanarían os proxectos de Tourado e o Alto da Croa II. 

As asociacións asinantes defenden a tese de que se trata dun só parque atendendo a que os tres proxectos evacuarán enerxía “de maneira conxunta”. Así se recolle, cando menos, na Declaración de impacto ambiental do proxecto eólico Alto da Croa II, onde se admite que o traslado de enerxía terá lugar a través dun centro no que tamén verterán a electricidade o Alto da Croa I e o Monte Tourado. En liñas paralelas, as plataformas destacan que o Alto da Cora II compartirá obras de escavación co Monte Tourado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta