Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/12/2020 | Actualizada ás 18:02
Autopistas del Atlántico (Audasa) afirma que a peaxe para vehículos lixeiros conxelarase en 2021 en 26 tramos dos 48 que forman a AP-9, pero aumentarán no resto, unha das tres únicas autoestradas españolas que sobe tarifas o próximo ano.
Nun comunicado, Audasa afirma que a vía galega "cun custo de 0,11 euros por quilómetro, mantense en 2021 un 6,6% por baixo da media española de prezos de autoestradas do Estado e un 39,2% no caso das viaxes en coche de ida e volta no mesmo día que empreguen telepeaxe". "O 67% dos tránsitos que anualmente se realizan pola autoestrada non verán incrementadas as tarifas en 2021", tentan xustificar desde a empresa.
O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana aprobou a actualización das tarifas das autoestradas dependentes da Administración Xeral do Estado, que inclúen no caso da AP-9 un incremento do 0,92% a aplicar desde as 00,00 horas do 1 de xaneiro de 2021. A concesionaria galega afirma que non imputa esta subida "cando representa menos de 5 céntimos por tramo".
Por outra banda, recalca que as peaxes aprobadas polo Goberno para 2021 "inclúen a subida extra (1%) derivada das obras de ampliación da circunvalación de Santiago de Compostela e da ponte de Rande, que foron financiadas de maneira íntegra por Audasa".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.