Comparte esta noticia

Coa fin das festas de Nadal, Galicia sae do estado de relativa calma que, a nivel epidemiolóxico, se instalara nas últimas semanas do ano. A Comunidade, segundo amosan as derradeiras cifras do Sergas, podería estar camiñando neste momento xa cara a terceira vaga da pandemia -- que xa recoñece o Goberno central--  cuxa incidencia aínda está por comprobar.

Unha muller é sometida a unha proba PCR. Ión Alcoba - Europa Press
Unha muller é sometida a unha proba PCR. Ión Alcoba - Europa Press

Neste contexto de renovada atención sobre a covid, a opinión pública volve estar situada na dificultade para discernir a evolución real da pandemia das cifras que ofrecen as autoridades. Galicia Confidencial xa relatou en ocasións anteriores algún dos recursos aproveitados pola Xunta de Galicia para ofrecer á poboación unha imaxe menos grave do que en realidade estaba a acontecer coa pandemia.

Neste aspecto, cómpre lembrar a mensaxe da administración Feijóo dirixida a sanitarios na que se lles ordenaba que reduciran o número de PCRs --apenas uns días despois de tal comunicación, os casos comezaron a baixar-- ou as denuncias de sanitarios de UCI de toda Galicia, que aseguraban que nas súas unidades había máis pacientes por covid dos que logo informaba Sanidade.

Esta última cuestión, a relativa ás cifras de hospitalizados, botou por terra un indicador do curso da pandemia que, ata ese momento, resultaba máis fiable que o número de casos activos; que depende, en fin, de cantas probas PCR sexan levadas a cabo. Con todo, a desprotección informativa do público non é total, xa que queda un último indicador que, se ben sen achegar moitos detalles, leva a pensar que a cifra de contaxios comunicada diariamente polo Sergas é menor que o número de positivos reais.

O indicador en cuestión é a taxa de positividade. Esta cifra mide a porcentaxe de persoas que, ao ser sometidas a unha PCR, resultan positivo por covid. O epidemiólogo Juan Gestal explicaba meses atrás ao GC que a OMS fixara no 5% o limiar máximo desta cifra. De ser maior, implicaba que había un volume notable de casos sen rexistrar. Precisamente o que acontece en Galicia, onde, segundo os derradeiros datos do Sergas, se atopaba no 7'5%.

Aínda que a cifra segue sendo excesiva, resulta moi inferior á detectada o pasado xoves, cando, segundo informa Europa Press, chegou a roldar o 10%. Unha análise por áreas dá para pensar, novamente, na estreita relación entre número de PCRs realizadas e casos rexistrados. A única área por debaixo do 5% é a de Santiago (4'4%), que nos últimos días rexistrou, precisamente, un gran aumento de contaxios que vén de marcar récords históricos. En peor situación se atopan Pontevedra (13,8%), Ferrol (13,2%), A Coruña (11,4%), Lugo (8,7%), Ourense (8,6%) e Vigo (8,6%).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta