Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/01/2021 | Actualizada ás 13:11
A presidenta da Federación Provincial de Anpas de Lugo, Isabel Calvete, mostrou o apoio desta asociación e das Anpas galegas ás reivindicacións dos pais dos 30 alumnos do Poeta Uxío Novoneyra que inciaron unha mobilización pola supresión do transporte escolar que tiñan os seus fillos ata agora. "Tanto a federación (de Lugo), como a confederación de Anpas galegas defendemos esas reivindicacións que son totalmente lexítimas para eles e para todo o rural", subliñou.
Calvete apela a que "o rural hai que protexelo", polo que avogou "por un trato diferenciado cara a el". "Todos sabemos como son as estradas de montaña e pór máis dificultades aos alumnos e ás familias é absurdo. Se o que queremos é defender o rural hai que pasar das boas palabras e campañas inútiles e porse a traballar", encomendou.
"Quen se expón nunha cidade a meter aos nenos unha hora innecesaria de autobús por unha estrada de montaña", preguntouse, para a continuación lembrar que "o transporte o realizaban taxistas da zona".
"Podemos permitirnos que seis familias, que seis taxistas, queden sen un complemento económico no rural, onde non hai tantas oportunidades de traballo e esta é unha delas? Téñense que volver organizar as rutas, e organizar o tipo de contratos e concesións", concluíu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.