Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/01/2021 | Actualizada ás 22:00
O 31 de decembro do ano 2000, mentres a xente despedía o ano cabo das badaladas de calquera canle de televisión, houbo dúas familias en Mesía que decidiron tomar as uvas aos pés dunha canteira abandonada da parroquia de Lanzá; e é que aquel lugar estaba sendo protagonista dun dos episodios máis polémicos dos últimos tempos en Galicia. O goberno da Xunta, por aquel entón gobernado por Manuel Fraga Iribarne, dera a orde de depositar centos de vacas mortas naquel burato na terra que deixaran as actividades de extración de cuarzo da empresa Erimsa, detrás da que estaba o exministro Villar Mir. Estes feitos aconteceron no medio da crise das vacas tolas, unha epidemia causada por un axente infeccioso que se transmitía a través dos pensos de orixe animal, o prion, e que facía enfermar o animal máis importante do país, social, cultural e economicamente falando: a vaca.
Máis de 300 reses resultaron infectadas en Galicia por esa enfermidade chegada do Reino Unido, pero moitas máis foron eliminadas no intento de conter a epidemia. Por aquel entón, unha pregunta sobrevoaba aquela discutida xestión da crise por parte da Xunta: a onde ían parar todas aquelas vacas mortas? Neste punto, o lugar de Mesía, un concello do interior da provincia da Coruña, entrou na ecuación. Os ollos inocentes dun cativo foron os que descubriron os enterramentos de vacas que o goberno galego estaba realizando de maneira clandestina nunha canteira da aldea de Lanzá. "Aqueles días, cando aínda non sabiamos nada na aldea, chamábanos a atención un cheiro apestoso. Cando collías a roupa non valía para gardar, había que volvela á lavadora", lembra Carmen [nome ficticio], unha gandeira da zona implicada na loita.
"Sabes que hai algo alí debaixo: moita borralla, unha atrocidade"
VECIÑANZA EN GARDA
A veciñanza pronto se organizou para impedir que máis camións con vacas entraran naquel lugar, hoxe cuberto de toxos e xestas, rodeado dun aramado a medio caer, mais coa consciencia do pobo ben fresca sobre o que alí debaixo permanece. "Sabes que hai algo: moita borralla, unha atrocidade; e iso non se esquece", relata a veciña. As impactantes imaxes das vacas tiradas sen control, dos regos de sangue cara ás augas, "dos vermes andando pola pista" forman parte da memoria colectiva do lugar e chegaron daquela a milleiros de casas a través da televisión e das portadas dos xornais. Foi, de feito, a ocasión de que as persoas emigradas puidesen volver ver os seus veciños e o seu territorio, a través dunha loita que cruzou fronteiras.
O portavoz veciñal naquel tempo, José Lino Bermúdez, foi a cara visible do conflito ante a prensa, a persoa na que recaeu a comunicación de todo aquilo que estaba acontecendo no seu pobo. Bota a ollada atrás e lembra con nitidez a "tensión" de ter que atender todos aqueles medios famentos de declaracións, e de ter que lidar contra manipulacións e intentos de aproveitarse da situación. Descubriu de golpe, di, "que a política estaba chea de astucias": "Viñéronnos tirar a merda aos fuciños, -cando eu cheguei xa había dous montóns de vacas e moitos sacos do que parecía ser fariña cárnica contaminada -, pero o que máis nos fastidiaba era a impotencia ante como nos trataban, seguido con mentiras e falsidades. Non nos deixaban pasar, queríannos tapar a boca con esa porquería, sen respecto ningún pola xente, pero nós defendémonos o máximo posible", conta.
"Tiñamos claro que os protagonistas do que estaba pasando non eramos nós, senón as vacas que estaban aló arriba"
Tanto é así que mesmo fixeron gardas para vixiar o lugar. Noitevella foi o punto de inflexión. "Aquel día, a Garda Civil díxonos que marcharamos para as nosas casas, que alí non se ía tocar nada, pero á noite atopámonos con que as máquinas estaban traballando a tope", relata José Lino. A partir de aí, durante seis días e seis noites, a veciñanza, organizada en quendas, deixou de atender os seus quefaceres diarios para defender aquela terra. "Montamos unha especie de campamento onde cada un aportaba o que tiña e onde todos compartían o que había. Lembro que unha noite levei un termo de café e unha botella de augardente para correr o frío", relata Fernando García, outro dos moitos implicados naquela loita en pleno inverno. "O primeiro que me vén á cabeza é a satisfacción de ter participado dunha protesta pacífica e cívica. Nós tiñamos claro que os protagonistas do que estaba pasando non eramos nós, senón as vacas que estaban aló arriba. Tiñamos que protestar no sitio delas".
UNHA XESTIÓN ASENTADA NA "INCOMPETENCIA"
"Fraga quíxonos dar caña. Sabemos que tiñan preparados antidisturbios para limparnos"
Todo o que rodeou a xestión da crise das vacas tolas en Mesía foron "enganos, ameazas, ilegalidades e imcompetencias", resumen as testemuñas. O máximo responsable da Xunta naquel tempo, Fraga Iribarne, tardou en desistir da súa idea de seguir mandando vacas mortas para Lanzá. "Quíxonos dar caña", di Bermúdez. "Sabemos por fontes fidedignas que tiñan preparados antidisturbios ao salvaxe para vir aquí e limparnos". Salvounos, conta, que un dos tenentes "non viu motivos" polo carácter pacífico da protesta, mais nun momento dado, a policía si que chegou a reter algúns veciños durante un tempo.
Tardaron "moitos días" en tapar aquelas vacas falecidas. Primeiro trouxeron material das minas de Touro, "unha especie de arxila que dicían que era impermeable", pero pouco despois alguén comunicou que aquel material "tamén era contaminante", lembra o portavoz. Finalmente instalaron un sistema de queimadores e de gas, que, segundo intúe o veciño, "nunca chegou a funcionar". "Un paripé de tres pares de narices!", resolve. Hoxe, aquel lugar segue sendo sinónimo de toxicidade para moitas persoas da contorna. "Non só polo que había alí, senón tamén polo pouco interese e a pouca consideración dos políticos por solucionar o tema", fala Carmen.
Aquela crise provocou, de feito, a dimisión do conselleiro de Agricultura, Castor Gago, a comezos de xaneiro do 2001. "A xente dicía que ese feito era moi relevante, pero a min parecíame básico", di Bermúdez. 20 anos máis tarde, "aquí non vimos perdón nin compensación de nada". Segundo a ollada de Fernando, "as vacas tolas foron o principio do final de Fraga". Tamén en Mesía a crise se viu como un antes e un despois para a política do concello, posto que "arrancou o compromiso da xente". "O Concello tardou catro días en recoñecer que recibira un fax onde se avisaba de que ían enterrar as vacas", entende Fernando, unha actitude que provocou un "espertar" na sociedade, mesmo co nacemento dun novo partido político no concello.
CONTRA O ESQUECEMENTO
"As vacas están aí, o monte está aí"
Hoxe en día, o lugar no que se atopan soterradas as vacas segue resultando inhóspito. Boa parte da contorna máis próxima, tamén en mans de Erimsa, preséntase degradada: terreos afondados pola extracción do cuarzo, desniveis provocados polas antigas canteiras, espazos ermos nos que non medra nin sequera herba, un lago con elevados índices de acidez nas súas augas... Por alí ninguén adoita pasar. Carmen lembra que volveu unha vez, hai tempo, "por curiosidade". "Daquela o lugar onde foran enterradas as vacas estábase cubrindo de maleza, e... Parece que me entrou un pouco de paz", recoñece a veciña.
As imaxes daqueles días quedaron gravadas na retina de toda a veciñanza implicada naquela intensa loita, mais por se o esquecemento chama á porta dalgunha persoa, en Mesía teñen como defenderse. Durante o tempo da crise, Fernando dedicouse a recompilar todas as noticias e documentos gráficos que agromaban en torno aos enterramentos das vacas tolas. A súa intención, explica, é "recordarlle o acontecido a aquela xente que ten memoria moi selectiva". "As vacas están aí, o monte está aí. Así que co paso do tempo, que ninguén diga que isto non pasou. Cando foi o Prestige, houbo xente que aseguraba que o petróleo non chegara ás praias. Se a alguén se lle ocorre dicir que en Lanzá non enterraron vacas, ensinámosllas. Temos o recordo gráfico do que aquí fixeron".
"Tan só polo respecto á xente que estivo á fronte, isto merece non ser esquecido", sente tamén Carmen. E así, a pesar das gretas, co recordo ben lúcido e coa satisfacción da loita conxunta, é como a ferida vai curando.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.