Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/01/2021 | Actualizada ás 21:25
A 'iniciativa do Xabarín' segue adiante malia o espallamento da terceira onda de covid e segue dando pasos para conformar unha canle de TV exclusivamente infantoxuvenil e exclusivamente en galego. Esa é a sensación que se desprende da última comunicación por parte da Mesa pola Normalización Lingüística, a entidade que dende hai meses lidera a recollida de sinaturas para levar ao parlamento a creación desta canle.
Segundo vén de apuntar a entidade, a posibilidade de chegar ao mínimo esixible de sinaturas --2.500-- está agora máis prelo trala ampliación do prazo de recollida das mesmas. O limiar final pasará a estar situado no venres dous de abril. De recoller ese baremo, a iniciativa chegará ata o Parlamento para instar ao goberno galego a tomar as medidas precisas para que a CRTVG "aumente a oferta en galego destinada á infancia e á mocidade nas televisións públicas".
O obxectivo da Mesa e da plataforma orixinal na que xurdiu a petición é, pois, conformar unha canle Xabarín "con programación atractiva, actual, educativa e de produción galega dirixida ao público infantil e xuvenil". Para asegurar o impacto destes contidos en galego nun ecosistema mediátco cada vez máis fragmentado, instan tamén a que os contidos estean dispoñibles "en todas as plataformas dixitais, así como nunha App actualizada para todos os dispositivos e que conte ademais con programas e xogos".
A Mesa márcase así o obxectivo das 2.500 sinaturas con vistas a chegar ao Parlamento. Na petición orixinalmente aloxada na web conseguiran un total de 15.000 apoios, se ben os trámites necesarios para completar este rexistro eran, evidentemente, máis sinxelos. A pregunta, nesta circunstancia, queda en se a carreira de recollida de firmas atopará un muro de negación nos grupos parlamentarios galegos. Ata o momento, tan só grupos municipais do BNG mostraron o seu apoio expreso á campaña. A recollida continúa.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.