Por Galicia Confidencial | Lugo | 19/01/2021 | Actualizada ás 21:49
Outras 14 vítimas mortais pola covid-19 elevan o número de mortos en Galicia a 1.550, nun día no que Lugo, xunto coa Coruña, son as provincias máis afectada, con seis falecidos. Ademais, a maior parte dos mortos, oito, eran usuarios de residencias de anciáns.
Precisamente foi na provincia de Lugo onde a covid se cebou, especialmente, con estes centros de maiores, con cinco falecidos; dúas mulleres de 95 no HULA, que procedían da residencia da Pastoriza, outra de 95 anos na residencia integrada CEGADI que tamén procedía da residencia A Pastoriza, dúas mulleres de 90 e 85 anos na residencia San Bartolomeu de Xove e outra muller de 78 anos na residencia Asilo San Sebastián e San Lázaro de Ribadeo. Finalmente, tamén morreu outra muller de 84 anos no Hospital Comarcal de Monforte.
A Consellería de Sanidade tamén informou de seis falecidos na provincia da Coruña, tres deles tamén de residencias de anciáns; unha muller de 91 anos na residencia DomusVI de Carballo e dúas mulleres de 87 e 94 anos da Residencia de maiores de Ribeira. Tamén faleceu unha muller de de 85 anos no CHUAC da Coruña, un home de 72 no CHUF de Ferrol e un home de 75 no CHUS de Santiago.
Finalmente, na área de Vigo tamén se reportaron dous mortes. Trátase dun home de 62 anos no CHUVI e unha muller de 85 anos en POVISA.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.