O 'plus' por traballar en pandemia non sumará nas oposicións deste ano, aínda que xa terá cobertura legal

A lei de medidas, que inclúe este compromiso de Feijóo e outras medidas para procesos selectivos, quedará aprobada o martes

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/01/2021 | Actualizada ás 12:29

Comparte esta noticia

Os procesos selectivos sanitarios que xa están convocados ata o momento e cuxa previsión é que as probas se celebren ao longo deste 2021 non poderán ter en conta no apartado de méritos o 'plus' por prestar servizos na pandemia que comprometera en novembro o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo. En todo caso, este 'plus' si terá cobertura legal inmediata e poderá introducirse nas oposicións que se convoquen unha vez entre en vigor a norma que o sustenta.

En concreto, esta posibilidade quedará recollida na lei de medidas fiscais e administrativas que acompaña ao proxecto de lei de orzamentos galegos para 2021. Ambas as normas, salvo improbable sorpresa, quedarán aprobadas o martes no pleno do Parlamento galego cos votos a favor da maioría absoluta do Grupo Popular que sostén ao Goberno autonómico.

Así, o ditame da lei de medidas que chegará ao pleno para a súa aprobación indefinida xa recolle unha disposición adicional completada vía emenda polos populares na que se ratifica que nas convocatorias de procesos selectivos para o acceso á condición de persoal estatutario fixo do Servizo Galego de Saúde, das categorías sanitarias e de xestión, e de servizos con atención directa ao usuario valorarase "como mérito" a prestación da pandemia. A enunciación é xenérica e a concreción de como computará está supeditada aos termos que se determinen tras a negociación coas organizacións sindicais.

Porén, si que se aclara no propio texto legal que o 'plus' non será de aplicación aos procesos actualmente en tramitación nos que a data límite para o cómputo de méritos da fase de concurso sexa anterior á declaración da situación de emerxencia sanitaria -paso dado en Galicia o 13 de marzo de 2020-.

ESCEPTICISMO SINDICAL

De facto, esta anotación implica que o 'plus' non se poderá ter en conta nas oposicións que, ata o momento, está previsto celebrar en 2021. O motivo é que o groso das prazas están ligadas á Oferta de Emprego Público (OPE) cuxa convocatoria e baremos pecharon en decembro de 2019, uns meses antes de que a pandemia impactase en Galicia e España.

O que fixo a Xunta é ampliar sobre as xa previstas para esa convocatoria as novas prazas derivadas da oferta de emprego público de 2020. Pero as bases, estrutura do proceso (concurso-oposición), temarios, exercicios e baremos son os publicados na resolución de finais de 2019, de convocatoria do proceso, que non se verá modificada en ningún aspecto, salvo no aumento do número de prazas convocadas.

Fontes do ámbito sanitario de distintos sindicatos consultadas por Europa Press ratificaron que alterar calquera baremo da convocatoria poderíase traducir nun "recurso inmediato" por parte de calquera opositor, dado que unha vez aprobada e publicada a estrutura do proceso sería "inxusto" introducir modificacións.

Tamén ven "difícil" que este 'plus' vaia sumar nalgún proceso selectivo que se celebre antes do ano 2022, dado o "ritmo" co que se avanza -"aínda hai prazas pendentes de 2018", apuntan fontes consultadas- e as propias incertezas que acompañan á evolución da pandemia de coronavirus.

Ademais, algunhas fontes do ámbito sindical inciden en que, do mesmo xeito que pasou cando se introduciu nas listas de contratación, hai que negociar en que condicións computa este 'plus' de servizos prestados para unha OPE. O motivo, alegan, é que podería producir "efectos discriminatorios".

Outras fontes sindicais, directamente, redúceno "a titular de prensa" con "escasos efectos reais" nun contexto de "gran precariedade laboral" no Sergas.

POSIBILIDADE DE ALTERAR OS PROCESOS

Segundo informou a Consellería de Sanidade o mes pasado, no ano 2021 está prevista a realización dos exercicios da fase de oposición para cubrir un total de 1.320 prazas correspondentes a 49 categorías. Así, está previsto que no primeiro trimestre se realicen os exercicios da fase de oposición para cubrir 9 prazas de persoal de servizos xerais, pola quenda de discapacidade intelectual.

No segundo semestre de 2021, despois do verán, prevense os exercicios para cubrir 996 prazas de 42 categorías de persoal licenciado sanitario, das cales 892 corresponden a 39 especialidades de facultativo de área, 89 a médico de urxencias hospitalarias, 10 a médico asistencial do 061 e cinco a médico de admisión e documentación clínica.

Así mesmo, desenvolveranse os exercicios para cubrir 324 prazas de técnico sanitario das especialidades de farmacia, laboratorio de diagnóstico clínico, imaxe para o diagnóstico, hixiene bucodental, anatomía patolóxica e citología e radioterapia.

Pero a lei de medidas que quedará aprobada no Parlamento tamén inclúe unha batería de medidas especiais en materia de procesos selectivos ou de provisión derivadas da situación da covid-19, "unha causa de forza maior" que xustifica a ampliación de prazos ou a realización de exercicios en distintas quendas, con distintos exercicios sobre o mesmo temario ou mesmo, a realización dos exercicios en distintas sedes.

E o texto, completado vía emenda polos populares, introduce a posibilidade de alterar a orde de realización das probas do proceso selectivos".

Así mesmo, a Administración autonómica tamén se reserva a posibilidade de fixar datas alternativas para realizar exercicios de procesos selectivos a persoas aspirantes que non poidan participar neles na data inicialmente sinalada por estar en situación de illamento ou en corentena prescrita por ser persoa infectada de covid ou contacto estreito.

Proceso selectivo. Foto de arquivo.. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
Proceso selectivo. Foto de arquivo.. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta