Sen máscaras FFP2 na residencia da Estrada e no HULA

Satse critica que os traballadores non a reciben no centro da Estrada e a CIG di que falta este tipo de máscara no HULA.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/02/2021 | Actualizada ás 12:54

Comparte esta noticia

O Sindicato de Enfermaría (Satse) denunciou a "exclusión" da residencia de maiores da Estrada  da repartición de máscaras FFP2 para traballadores por parte da Consellería de Política Social e reclamou que se entreguen a todo o persoal con atención directa a usuarios de centros sociosanitarios galegos.

En comunicado, o sindicato asegurou que ten constancia do envío deste material de protección a persoal sanitario que presta os seus servizos nestes centros, a excepción do pertencente ao situado na Estrada, unha situación que requiriu que se emende "o máis axiña posible".

Por este motivo, remitiu un escrito á consellería á fronte da que se sitúa Fabiola García no que reclama a realización das "xestións oportunas" para que enfermeiros, fisioterapeutas e outros profesionais sanitarios "poidan utilizar sempre máscaras de maior protección", como as FFP2.

Nesta liña, Satse recalcou a necesidade de que se adopten as actuacións que garantan "o nivel máis alto de protección" fronte ao SARS-CoV-2 para profesionais da saúde da contorna asistencial. Para iso, pediu que se lles facilite a utilización de máscaras FFP2 durante o desempeño de "calquera actividade" e de FFP3 cando desenvolvan "procedementos asistenciais nos que se poidan xerar bioaerosoles en concentracións elevadas".

"FALTA" DE FFP2 NO HULA

Por outra banda, a sección CIG-Saúde de Lugo volveu a denunciar a "falta de máscaras FFP2 para profesionais sanitarios". Así, criticou que non se facilite este material de protección a persoal de administración, laboratorios, cociña e esterilización, entre outros, do Hospital Lucus Augusti (HULA) debido a que, segundo reprobou, a xerencia da área sanitaria de Lugo e A Mariña considera que "non teñen atención directa" ao paciente.

Neste sentido, cuestionou que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, pedise ao xefe do Executivo central, Pedro Sánchez, xeneralizar a utilización de máscaras FFP2" mentres os profesionais de servizos do Sergas "traballan sen ela" e ou a adquiren pola súa conta para acudir aos seus postos de traballo "protexidos e protexendo".

Máscara ffp2
Máscara ffp2 | Fonte: EP

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta