Juan Vieites, presidente da CEG: "É imprescindible manter os ERTEs por forza maior mentres dure a crise"

Juan Vieites (Vigo, 12 de maio de 1952) é o novo presidente da Confederación Galega de Empresarios (CEG). Chega ao posto despois de case un lustro de interinidade na presidencia da confederación dos empresarios galegos. O último en intentalo foi José Manuel Díaz Barreiros quen, logo dunha polémica polos votos electrónicos, dimitiu do posto dous días despois de ser elixido. Chega co obxectivo da poñer paz entre os empresarios.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 03/02/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Vieites, empresario ligado ao sector conserveiro, secretario xeral de Anfaco-Cecopesca e vicepresidente da patronal  pontevedresa, insiste en que o seu traballo é buscar o consenso dentro da Confederación empresarial coa vista posta nunha recuperación o máis rápida posible tras a  COVID.

Feijóo tras o Consello da Xunta.. Xunta de Galicia
Feijóo tras o Consello da Xunta.. Xunta de Galicia

-Que sensación ten agora mesmo como presidente da CEG logo dun período longo sen unha presidencia sólida na confederación?
O máis importante para min é que veño con ilusión e ánimo grazas ao consenso e apoio que recibín de todos na asemblea xeral. Entendo que si había unha sensación agridoce por parte dos empresarios,  pois somos esenciais, por iso insisto en que o consenso é esencial. O grande obxectivo é defender os intereses dos empresarios a través da CEG que para min é a institución esencial para a representatividade e interlocución. Logo de asumir a presidencia tento levar adiante un modelo participativo cunha estrutura forte e un modelo vivo e non presidencialista. O modelo vivo é onde o presidente ten a visibilidade mais detrás de min hai moita xente traballando. Así, no primeiro comité executivo e directivo da CEG o vindeiro 8 de febreiro, buscaranse os nomes dunha serie de persoas relevantes do mundo empresarial entre os que teñan libre disposición. Esta debe ser a casa dos empresarios para buscar algo fundamental de cara ao futuro que é a competitividade do sector empresarial galego no mundo.

-Sente algún tipo de responsabilidade polo “traballo atrasado”, polos proxectos paralizados dentro da CEG?
A miña responsabilidade é buscar a unidade empresarial e ser a voz dos empresarios. A CEG seguiu traballando todos estes anos, con altos e baixos e cunha imaxe ás veces non desexada, mais eu veño promover a actividade, presenza e participación da Confederación e a súa dinamización. Ademais diso, procurar que a solución dos problemas das empresas e a súa competitividade sexan o meu ideario. Non teño ningún atranco vido de atrás, eu miro para adiante e agora mesmo debemos traballar a maior velocidade.

-Falou dunha reunión para o día 8 dos órganos directivos para buscar xente que ocupe diferentes postos. Cal é o perfil que busca para ocupar eses postos organizativos?
Á parte dos puntos que os estatutos da CEG sinalan, como son as confederacións provinciais e sectoriais, etc., intentarei que dentro da Confederación estean empresarios con forte presenza en Galicia. Procurarei que estean na Xunta Directiva, no Comité Executivo e no Consello Asesor. Creo que debe saír dos mesmos empresarios as preocupacións e os problemas das súas empresas en relación á súa competitividade para que se canalicen a través da CEG.

Esta debe ser a casa dos empresarios para buscar algo fundamental de cara ao futuro que é a competitividade do sector empresarial galego no mundo

Fontenla e Alvariño logo das eleccións á CEG en 2009
Fontenla e Alvariño logo das eleccións á CEG en 2009

-Debido á pandemia hai sectores económicos, como a hostalaría que pasan por uns momentos moi difíciles. Desde a CEG cales serían as medidas ou proxectos que queren ou buscan impulsar para sectores económicos moi afectados pola crise da pandemia?
A CEG debe ter un papel moi activo nestes momentos para apoiar aos sectores máis vulnerables ao impacto económico provocado pola pandemia. Debe haber axudas para manter a actividade e sobre todo, dispor de liquidez para manter os negocios no actual contexto. Aí están os autónomos, o téxtil, a hostalaría e moitos máis. Creo que as axudas deben durar mentres dure a pandemia e por tanto, as medidas deben combinarse entre apoios directos; como por exemplo coa hostalaría; e unha concesión de créditos en condicións flexibles para achegar esa liquidez aos sectores máis afectados e con máis dificultade con acceso ao crédito. É imprescindible a continuidade dos ERTES, agora mesmo están aprobados ata o 31 de maio, por forza maior para empresas coa necesidade de manter parada a actividade o mínimo mentres dure a crise. Isto é indispensable desde o meu punto de vista se se pretende manter a supervivencia das empresas dentro da situación actual. Axudas directas, aplicación de ERTEs e mellor trato impositivo por parte das administracións coa redución ou exención dos impostos que sexan da súa competencia. Algunhas administracións atrasan os pagamentos de imposicións mais non están realizando ningunha exención. E logo, os gobernos deben transmitir confianza e credibilidade coas súas decisións.

-Cando di gobernos quere dicir todo tipo de administracións?
Todos, provinciais, autonómicos, locais e o central. Debe haber unha proporcionabilidade coidadosa e ser previsibles. Non se poden tomar decisións repentinas que xeren confusión e alarma. Todas estas medidas deben ser complementarias e acumulables. É moi importante preservar e protexer o tecido empresarial e o emprego das persoas.

A CEG seguiu traballando todos estes anos, con altos e baixos e cunha imaxe ás veces non desexada, mais eu veño promover a actividade

-Os fondos da UE axudarán a reflotar polo menos as tres cuartas partes do abano empresarial de Galicia?
Para contestar a isto debería coñecer o montante total que asignarán a Galicia. En decembro de 2020 o Parlamento Europeo deu luz verde aos fondos para a reactivación e a finais de decembro, o ministerio de Facenda indicaba como quedaban repartidos estes orzamentos entre as comunidades. A Galicia tocaríanlle 441 millóns, o 4,4% do total. Desde a CEG xa denunciamos publicamente a discriminación que isto supón para Galicia. A nosa comunidade debería saír moito máis beneficiada. Se non se cambia este reparto sufriremos, o mesmo que co PGE, os efectos dunha decisión unilateral do  Goberno, que atende a criterios políticos premiando a comunidades incumpridoras co déficit, nós cumprimos con ese déficit. Desde o meu punto de vista, os fondos europeos tratan de “sobrevivir e continuar”. Creo que os fondos deben chegar ás empresas. Son fondos finalistas para facer fronte ao dano previsto pola COVID. Eses fondos son como unha oportunidade única e dinamizadora do tecido empresarial. É importante ademais que as PEMES, que son a esencia do noso tecido empresarial, poidan acceder aos fondos de reconstrución, que poden chegar a 150.000 millóns de euros. É importante que chegue a todo o mundo e para iso fai falta un diálogo cos empresarios establecendo canles desburocratizadoras para poder presentar proxectos, ademais do apoio institucional.

-Por que tipo de administración apostaría para a xestión dos fondos, local, autonómica ou estatal?
Ten que ser conxunta. Eu teño experiencia cos fondos marítimopesqueiras, onde está a UE, o Estado e logo reparte entre as autonomías que fan a xestión dos mesmos. No caso dos fondos europeos para a reconstrución debe ser igual, tendo en conta que o papel do empresario debe ser crucial. A Xunta de Galicia enviou un documento previo con 108 proxectos no mes de outubro para optar a axudas dos fondos. Todos eses proxectos son interdepartamentais en economía verde, dixitalización e outros para as administracións. Se queremos avanzar desde as empresas debemos apostar por dixitalización, economía verde ou reindustrialización. Todo isto remata en abril, aínda hai tempo, mais o campo de xogo  debe ser moi claro, porque de momento as regras do xogo non está perfiladas, só hai intencións.

Creo que as axudas deben durar mentres dure a pandemia e por tanto, as medidas deben combinarse entre apoios directos

-De que maneira se fará oír a CEG sen que sexa apartada por outros organismos ou entidades, ben públicas ou privadas, no momento de acceder aos fondos de resconstrución?
Temos claro que debemos ser a voz dos empresarios a nivel da Xunta e da Administración do Estado. Temos previsto unha reunión co delegado do Goberno, porque a Administración do Estado debe xogar un papel importante. Á parte, debe saber que as CCAA son quen teñen un contacto máis directo coas empresas da contorna. A CEG vai xogar un papel importante en melloras tecnolóxicas, medioambientais e economía circular nas empresas e outros sectores. A distribución de maneira territorial debe ser así, con propostas potentes e competitivas, nun reparto por proxectos. Por tanto, debemos presentar proxectos moi bos, cunha masa crítica importante de empresariado. Así pois, desde a CEG axudaremos a saír desta crise sen precedentes e que as empresas vexan nestes fondos unha oportunidade de cara o futuro e a nivel internacional. Buscamos entón unha colaboración interempresarial.

-A extensión do Ano Santo ao 2022 aportará forza ao sector do turismo?
Está claro que este primeiro trimestre e semestre será de moitas dificultades. A medida que avance a vacina en termos de horizonte temporal e se reducen as restricións á mobilidade, o Xacobeo terá un tirón exponencial. Mentres tanto, temos que tirar das medidas como os 75 millóns que sacará a Xunta. O Xacobeo é un evento con grande potencial, o mellor virá o ano 2022. Despois de once anos sen Ano Santo, agora veñen tres case seguidos, o 2021, 2027 e o 2032. Debemos pór a masa crítica durante este 2021 para ter un 2022 moi bo e que o 2027 e 2032 sexan tamén bos.

-Se agora puidese facer “tabula rasa” sobre o tecido empresarial galego, cales serían os sectores polos que apostaría en firme?
Hai un cambio estrutural que se está a facer debido a esta pandemia pois asentará unha nova normalidade. Investigación e limpeza, porque os avances en investigación son clave para saír da crise. Non parece que sexa puntual. A limpeza e desinfección acabou por visibilizarse e xa se lle deu a importancia que representa. Outro será a loxística e comercion online, tamén a formación online, software de xestión e de RRHH. Outro sector que sairá reforzado será o do ocio e entretemento a través do audiovisual e telecomunicacións. Despois, o sector medioambiental e o das enerxías coa transición enerxética, o que é a economía verde sairá reforzada. E logo o sector agro-mar-alimentario que cobre as necesidades dos consumidores para fornecer os centros comerciais. A alimentación é fundamental con todas as medidas sanitarias e de seguridade. Este último é un sector estratéxico para a vida das persoas.

É importante ademais que as PEMES, que son a esencia do noso tecido empresarial, poidan acceder aos fondos de reconstrución

-Que cuestións querería ter resoltas no período de graza dos 100 primeiros días?
Xa terei resoltas varias cuestións. O día 8 de febreiro, que temos Xunta da CEG, espero que queden marcadas moitas cousas. Nestes días resolveremos o nomeamento de cargos internos da Confederación, os orzamentos 2020-2021, equilibrar a cuestión financeira e a transparencia da mesma. En definitiva unha organización dinámica e transparente, cousa que se conseguirá coas persoas que incorporaremos.

-Despois dun longo período de “interinidade” na presidencia da CEG, cre que a imaxe da Confederación está “tocada”?
Creo que de cara á sociedade e ao mundo empresarial si que estivo tocada. Creo que agora hai unha CEG que renaceu, aínda que nunca parou de traballar con todos os atrancos que había. Creo que todo isto vai acabar e de cara o futuro intentaremos con unidade e traballo buscar o mellor para o sector empresarial galego. Buscaremos a competitividade das empresas galegas mediante o diálogo coa Xunta de Galicia e cos axentes sociais. O que tratamos de buscar é un modelo participativo e cunha estrutura representativa e promovendo a maior presenza e participación, un modelo vivo e aberto a incorporacións futuras, con debates e discusións para tomar decisións onde exista o maior respecto á lealdade institucional. Iso conseguirémolo porque todo o mundo aposta por esa idea.

-Outro tema eran as diferenzas entre as distintas confederacións provinciais. Chegouse a unha fase de consenso entre o empresariado galego?
Neste momento si, e podo dicir por que, pois porque falei con todo o mundo. Ademais moi rapidamente e en poucas semanas. A realidade é que a votación na asemblea xeral foi case dun 89,9% a favor. Penso que realmente ese dato é o maior que se produciu na CEG, en toda a súa historia, iso significa consenso e unidade. Todos están por deixar as liortas anteriores e traballar  polo máis importante. Tamén se buscou unha persoa de consenso e eu son unha persoa de consenso. Eu fixen o que fixen por un acto de compromiso empresarial e de valentía para conseguir unha organización forte e representativa.

-Coa saída do Reino Unido da UE, cales son as cuestións pendentes para o empresariado galego despois do Brexit?
Penso que o acordo do Brexit foi bo porque polo menos temos estandarizadas as relacións UE-Reino Unido. As empresas galegas que operan nese destino deberán adaptarse a novas esixencias derivadas do Brexit. Abriuse unha nova oficina para orientar as empresas dentro do novo marco. O Reino Unido é o cuarto destino no mundo das exportacións galegas. A Xunta puxo en marcha o “cheque brexit” para que as empresas galegas teñan apoio de consultoría e diagnóstico. Un dos sectores máis prexudicados é a pesca. Aí pedimos unha estratexia común para defender a frota do Gran Sol e da frota de Malvinas que quedou fóra do acordo. A Xunta pediu ter representación propia xunto co Goberno central na mesa de pesca da UE como na do Reino Unido, para que se escoiten os intereses galegos. Non debemos deixar de expoñer as nosas reivindicacións sobre o Brexit para o sector pesqueiro. As condicións actuais durarán cinco anos e medio e por tanto de cara o futuro debemos saber negociar, co sector defendendo os seus intereses xunto coas nosas administracións. Outros sectores que se ven afectados polo Brexit son o da automoción, o alimentario ou o téxtil. O Consello Económico e Social sinala dous sectores tocados, a exportación de roupa e importación de peixe. Aínda así, no motor o Reino Unido non está entre os destinos preferentes para a fabricación de automóbil de Vigo.

Creo que agora hai unha CEG que renaceu, aínda que nunca parou de traballar con todos os atrancos que había

-Sobre as infraestruturas internas galegas, cales son os puntos que lle gustaría ver solucionado ao empresariado galego?
De entrada a AP-9 e a súa transferencia. Teñamos en conta que os condutores de Galicia deixan cada ano 150 millóns de euros en peaxes. A rebaixa das peaxes é unha mellora económica ademais de levantar a peaxe entre Vigo e Redondela. Logo temos o AVE a Galicia, aí o presidente do Goberno de España comprometeuse diante do presidente da Xunta que estea en servizo no segundo semestre do 2021. Non sei se chegaremos, hai que intentar axilizar os prazos e que isto saia para adiante. Logo a conexión do porto exterior da Coruña e a saída sur de Vigo, dúas infraestruturas estratéxicas para o corredor atlántico de mercadorías. E tamén retomar o AVE Lugo-Ourense porque acumula grandes atrasos. Aí é necesario impulsar todas esas cousas que están pendentes. Logo hai temas máis provinciais, como a autovía 76 Ourense-Ponferrada, de vital importancia para Valdeorras e Ourense, a autovía noreste de Portugal para conectar coa estación AVE da Gudiña ou a terminal de mercadorías do polígono de San Cibrao das Viñas e o impulso do corredor atlántico con fodos Next Generation.

O presidente da CEG  e secretario xeral de Anfaco-Cecopesca e vicepresidente da CEP, Juan Manuel Vieites Baptista de Sousa pousa durante a presentación da súa candidatura para presidir a CEG, en Lugo, Galicia, (España), a 14 de xaneiro de 2021.. Carlos Castro - Europa Press
O presidente da CEG e secretario xeral de Anfaco-Cecopesca e vicepresidente da CEP, Juan Manuel Vieites Baptista de Sousa pousa durante a presentación da súa candidatura para presidir a CEG, en Lugo, Galicia, (España), a 14 de xaneiro de 2021.. Carlos Castro - Europa Press
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta