Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/02/2021 | Actualizada ás 17:35
Un informe elaborado polo Goberno central avala a política lingüística e o modelo de ensino de idiomas implantado pola Xunta de Galicia a raíz do chamado 'decreto do plurilinguismo'. En concreto, trátase dun documento en resposta ás recomendacións de acción inmediata formuladas polo comité de ministros do Consello de Europa o pasado 11 de decembro de 2019, en relación á aplicación da carta europea de linguas rexionais e minoritarias.
Nesas recomendacións, o Consello de Europa advertía da caída de falantes e da ineficacia das medidas para facilitar a atención desde a administración, ademais da insuficiente presenza do galego no sistema educativo.
O comité de expertos recomendaba entón recomenda eliminar de inmediato as limitacións existentes para impartir docencia neste idioma e apelaba ás análises sociolingüísticos e os datos estatísticos que reflectían tanto a caída de falantes en lingua galega como a brecha na transmisión xeracional.
Neste informe de resposta, avanzado por 'Nósdiario', o Goberno central defende que o Decreto 79/2010 para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia permite un sistema "totalmente bilingüe", no que "se empregan tanto o galego como o castelán" como instrumentos educativos.
"O modelo bilingüe implantado en Galicia desde o ano 2010 é o denominado de conxunción de linguas, que consiste en que hai unha única liña de ensino, coa prohibición expresa de separar ao alumnado de centro ou de aula por razón de lingua", engade.
"DATOS POSITIVOS"
Neste modelo, indica o informe, "á lingua galega outórgaselle a prerrogativa de lingua vehicular do ensino, compartindo a docencia co castelán "en porcentaxes iguais", polo que "non contempla a posibilidade da implantación do modelo de inmersión lingüística".
"Pódese afirmar, pois, que non existen limitacións ao ensino do galego en Galicia, senón o seguimento dun sistema de ensino bilingüe que, por outra banda, avalan múltiples estudos científicos, así como os resultados obtidos".
O informe do Estado atribúe á implantación deste sistema "a maior parte dos datos positivos que os estudos sociolingüísticos expoñen sobre coñecemento e adquisición da lingua galega" na poboación, tanto na comprensión como en expresión oral e escrita.
POSTURA "LAMENTABLE"
A postura do Goberno central suscitou xa as primeiras críticas. O presidente da Mesa, Marcos Maceira, censura a "lamentable" resposta do Executivo conformado por PSOE e Unidas Podemos "despois de todas as mobilizacións" en defensa do galego e contra este modelo.
Respecto diso, Maceiras lembrou as cifras de descoñecemento do idioma en menores de 15 anos, que alcanzan o 25 por cento, e as súas carencias en ámbitos como o audiovisual ou o lecer xuvenil como resultado "dunha política moi agresiva contra o galego que agora mesmo este informe está a avalar".
Desde o BNG, Mercedes Queixas lamentou estas afirmacións, que parten dun Goberno supostamente "de forzas de esquerda e progresista", e que distan da "realidade obxectivable" de Galicia, sobre todo da "forte regresión" no ensino do idioma e na súa transmisión.
Neste sentido, lembrou que o galego está "prohibido en varias materias" do sistema de ensino e avanzou que o BNG rexistrará diversas iniciativas no Congreso dos Deputados para pedir explicacións ao Goberno central e sobre os estudos que utilizou par afirmar que non existen limitacións para o ensino en galego.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.