Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 22/02/2021 | Actualizada ás 22:21
A polémica arredor da protección total do lobo, prohibindo a súa caza mesmo para o control da especie, puxo en alerta ao sector gandeiro, sobre todo o sector da gandería extensiva. Os propietarios de gando temen a “impunidade” do lobo para atacar as súas propiedades. Voces sindicais apuntan á necesidade de incrementar as axudas por perdas de cabeza de gando ademais dun maior investimento en medidas de prevención. Por outra parte, empregar as batidas para o control do depredador segue tendo defensores aínda que as posturas pasan por que sexa a Administración quen leve adiante estas accións ou quen apoia a validez das batidas por cazadores.
VALORACIÓNS DESDE GANDEIROS E REPRESENTANTES
As medidas preventivas dos gandeiros pasan desde os pastores eléctricos, uso de cans mastíns e peche de fincas. “Non estamos contra a introdución do lobo dentro da lista de especies a protexer, mais non desta maneira” di Joán Alibés, membro do Observatorio Campo Grande, para a mediación entre gandeiros e administracións sobre a convivencia co lobo. “Os medios para convivir con este animal estámolos poñendo os gandeiros”. “A proposta do Ministerio é un cambio sen diálogo e que está enfrontando posturas”.
O Observatorio editou un documento na súa web onde resaltan a necesidade de que todos os axentes implicados (administracións, ecoloxistas e gandeiros) estean nunha mesma mesa de negociación. A finalidade é que non haxa medidas unilaterais en prexuízo de terceiros.
“Non existe un problema co lobo, unha especie que está en expansión por toda España e por iso non entendemos os cambios lexislativos que propoñen” di Jacobo Feijóo de Unións Agrarias (UUAA). “Cremos que a decisión do Ministerio de Transición Ecolóxica está pouco meditada, cremos que faltan máis criterios científicos e técnicos”. En relación con estas palabras, Jacobo Feijóo sinala que en 2020 os ataques de lobos se duplicaron e que mesmo o número de atropelos destes animais son unha mostra da expansión da especie en Galicia.
A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), Isabel Vilalba, valora que parte dos argumentos presentados non corresponden coa realidade. En coincidencia co UUAA, Vilalba ve necesaria a “participación de todos os sectores afectados ademais de expertos no lobo”. A secretaria xeral do SLG reclama que “necesitamos un plan de xestión para este animal silvestre”.
PREVENCIÓN, MEDIOS E INDEMNIZACIÓNS
“O lobo sempre estivo aí” di José Fernández, pastor de Ourense. “Creo que a caza axuda a controlalo”, apunta Fernández quen tamén lembra unha maneira de “distraer” este animal para non atacar os rabaños. “Antes podías deixar un animal morto no monte, así os lobos tiñan onde comer sen vir ao rabaño”. Actualmente os animais mortos son retirados por empresas de seguros agrarios.
“A alimentación disuasoria pode ser un dos métodos de prevención, usando animais mortos como engado para evitar ataques a rabaños” di Jacobo Feijóo. “Un exemplo sería a cría de cabalo salvaxe, colocando esa alimentación disuasoria lonxe das greas evitaríanse ataques e mortes de cabezas de gando”.
“Hai unha crenza ou visión de que son os tecores e os coutos de caza quen controlan a poboación de lobos” declara Vilalba que engade “a xestión da fauna silvestre corresponde a administración pública e segundo o territorio”, isto último en referencia á densidade de depredadores. Se non houbo batidas de lobos, como se puido ter controlada a poboación dos mesmos? “En 2013 matouse un lobo, mais se temos en conta que as axudas chegan tarde e son insuficientes, o que se está experimentando é un aumento da caza furtiva” sinala Joan Alibés.
Segundo os datos da Consellería de Medio Ambiente, os avisos ao 012 para notificar posibles ataques de lobos foron en 2017, 1.203 avisos; en 2018, 1328; en 2019, 1397 e en 2020, 1.303 avisos.
“Non hai que terlle medo á caza deste animal” sinala Jacobo Feijóo que destaca deste animal a súa posición como “depredador que só pode ser controlado polo ser humano”. Algúns agricultores e representantes sindicais galegos poñen como exemplo o “Modelo Asturias”. Este modelo segue as directrices dun comité de avaliación e o abatemento da peza fano axentes ambientais.
As conclusións das partes consultadas son en primeiro lugar un investimento maior en prevención. “Hai dous anos no Consello Agrario Galego anunciouse un plan de xestión, aínda non apareceu” di Isabel Vilalba. Pagamento en tempo e forma e segundo o valor real de mercado do gando danado. “As administracións ralentizaron as súas funcións desde 2008 e moitas veces actúan de maneira vitimista, enfrontando sectores e indirectamente, dando argumentos para a caza furtiva” di Alibés. “O investimento en prevención é esencial ademais dunha mellora nas indemnizacións e axudas, porque 500.000 euros ao ano en axudas non cobren as perdas reais” di Jacobo Feijóo.
A prevención é o único camiño que ven as organizacións agrarias e os propios gandeiros para evitar danos por lobo. Esta prevención vai desde o reparto de cans pastores, adestrar os pastores para que saiban utilizar ben este can, aumentar as axudas para medidas de protección e valado, usar técnicas como a alimentación disuasoria e incrementar os orzamentos destinados a cubrir perdas. Por último, que os organismos públicos, ecoloxistas, gandeiros e técnicos conformen mesas de estudo para chegar a acordos que permitan a convivencia coa fauna silvestre.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.