Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 19/02/2021 | Actualizada ás 22:00
A exposición ao gas radon supón un enorme risco para a saúde humana, xa que “parece aumentar o risco de cancro de pulmón de células pequenas”. Esta é a conclusión á que chegou un equipo científico tras realizar un estudo multicéntrico hospitalario que incluíu nove hospitais de España e Portugal.
Trátase dos “resultados finais do estudo 'Small Cell'”, asinados por 16 investigadores de Galicia, Madrid, Asturias, Ávila e Porto (Portugal).
Os investigadores atoparon “unha asociación estatisticamente significativa” entre os niveis de radón e o risco de padecer un cancro de pulmón. Máis detalladamente, observaron que esta asociación é maior nos suxeitos expostos a concentracións superiores ao limiar que establece a Axencia de Protección Ambiental (EPA) de Estados Unidos para marcar o nivel de risco, de 148 Bq/ m3, que naqueles suxeitos expostos a concentracións inferiores a 50 Bq/m3.
O estudo tamén salienta que os fumadores expostos a concentracións máis altas de radon presentan un risco moito máis elevado de cancro de pulmón de células pequenas, en comparación cos fumadores expostos a concentracións máis baixas de radon en interiores.
“A exposición ao radon parece aumentar o risco de cancro de pulmón de células pequenas cun patrón lineal de dose-resposta. É posible que o consumo de tabaco tamén produza unha modificación importante do efecto da exposición ao radon”, conclúen os científicos.
O cancro de pulmón de célula pequena está considerado a forma de cancro pulmonar máis agresiva, representa arredor do 10-15% de todos os casos e presenta un crecemento rápido. Porén, moi poucos estudos analizaron a influencia do radon residencial nesta enfermidade.
Os investigadores lembran que a exposición ao gas radon residencial é a segunda causa de cancro de pulmón e a primeira naquelas persoas que nunca fumaron. Con todo, salientan que existía “pouca información sobre a asociación entre niveis elevados de radon e o cancro de pulmón de células pequenas”, polo que coa súa achega pretenden cubrir ese baleiro.
O estudo contou coa colaboración do Laboratorio de Radon de Galicia e está asinado por investigadores dos servizos de Oncoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e do Hospital Universitario Puerta del Hierro de Madrid, o Departamento de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidade de Santiago de Compostela, o Consorcio de Investigación Biomédica en Red de Epidemiología y Salud Pública (CIBERESP), o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), o Instituto Nacional de Silicosis (Hospital Universitario de Asturias), o Servizo de Anatomía Patolóxica do Complexo Universitario de Santiago de Compostela, e os servizos de Neumoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, Ourense e A Coruña.
Estes resultados finais confirman os preliminares presentados en 2017 por este mesmo equipo de científicos que traballou no estudo ‘Small Cell’,
Daquela, xa alertaran de que a concentración mediana de radon residencial á que estaban expostos os suxeitos era de 128 Bq/m3 e nun 8% dos casos mostraron concentracións superiores a 400 Bq/m3, máis do dobre do nivel de risco que marca a EPA.
Os resultados deste estudo son parte da tese doutoral Ángeles Rodríguez Martínez, residente no Laboratorio de Radon de Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.