Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/02/2021 | Actualizada ás 20:30
Os sindicatos CIG, CC.OO. e UGT presentaron unha denuncia formal ante a Xunta, á que acusan de "esquecerse" do persoal de centros de menores no proceso de vacinación contra a covid-19. As centrais rexistraron este xoves unha queixa ante a Consellería de Política Social e a Dirección Xeral de Saúde Pública, ás que demandan que "de inmediato" comece a vacinarse ao persoal destes centros.
Os sindicatos argumentan que o marco legal que regula a realización de vacinación no sistema sanitario de Galicia establece que os grupos de poboación con maior vulnerabilidade deben ser protexidos de maneira especial. Por iso, inciden en que os centros de menores "figuran no grupo 3", no que se inclúe outro tipo de persoal de ámbito sanitario, polo que denuncian que foron "esquecidos e saltados" para o proceso de vacinación contra a covid-19.
"A día de hoxe aínda non se empezou a chamar ao persoal, a pesar de que xa se está administrando a vacina a outros grupos posteriores", sinalan os sindicatos nun comunicado conxunto remitido aos medios este xoves. Asismimo, censuran que Política Social non ofrecesen "ningún tipo de explicación ou xustificación" sobre este asunto ante os requirimentos dos representantes dos traballadores.
VACINAS "LIMITADAS"
Por tanto, e tras recoñecer que as doses de vacinas "son limitadas", as centrais cren que "esquecer" ao persoal de centros de menores supón "non respectar as prioridades dos grupos de poboación de vulnerabilidade, risco de padecer unha enfermidade pola covid-29 ou de risco de transimisión", como recolle o plan de vacinación da administración.
"Polas delicadas características intrínsecas deste tipo de centros e debido ao alto nivel de convivencia no seu labor profesional (mesmo nos períodos de cuerentena máis estrita), e pola protección e estabilidade dos menores ao seu cargo, non se atopa explicación á lixeireza e abandono co que a administración pública está a xestionar este sector", engaden os representantes dos traballadores.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.