Por Galicia Confidencial | Compostela | 02/03/2021 | Actualizada ás 22:25
A Central Unitaria de Traballadoras (CUT) rexistrou no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia unha demanda de conflito colectivo por tutela de dereitos fundamentais contra a Corporación de Radio Televisión de Galicia. O sindicato considera que a redución que vén de aplicar a dirección de recursos humanos do sistema de crédito sindical vixente na empresa desde o ano 2015 lesiona o dereito á liberdade sindical da CUT, polo que debe declararse nulo.
A central denuncia que se trata "dunha limitación que opera unicamente como represalia para silenciar a actividade despregada por esta central que obstenta desde o ano 2011 a representación maioritaria dos traballadores e traballadoras da radiotelevisión pública do país".
Segundo a Central, este novo reparto desatende o principio de proporcionalidade e representatividade, esvacía de crédito horario xustamente os órganos representativos onde a CUT ten maior número de membros e separa o reparto de crédito adicional da representatividade electoral para sobredotar aos sindicatos con menor apoio do cadro de persoal, nunha "manobra antisindical que prexudica unicamente á CUT".
Destaca que o novo sistema imposto pola dirección da mercantil reduce o crédito sindical proporcional, derivado dos resultados das eleccións sindicais celebradas en xuño de 2019, para incrementar o crédito outorgado como liberalidade empresarial de maneira lineal a todas as centrais sindicais, provocando unha perda do crédito horario da CUT de case o 30% (2.200 horas anuais), cando o resto dos sindicatos perden algo menos dun 3% (110 horas/ano) e mesmo hai un que gaña (440 horas/ano).
BUSCAR O "APOIO" DO RESTO DOS SINDICATOS
Para o sindicato, esta “decisión arbitraria, inadecuada, irrazoable e afastada do principio de proporcionalidade” supón un “procedemento torticeiro para expropiar a capacidade de acción da súa sección sindical na CRTVG”, que busca ademais, “de xeito perverso, concitar o acordo do resto dos sindicatos a través de premialos ou sobrerepresentalos”.
A Central advirte que non quedará de brazos cruzados ante esta “patolóxica manobra represiva” que, aclara, “non conseguirá o obxectivo de acalar e desactivar ás traballadoras da CRTVG que pelexan cada día por cambiar o rumbo dos medios públicos e polos dereitos do seu cadro de persoal”.
Na demanda, o sindicato solicita que se declare nula de pleno dereito esta actuación empresarial, á que se adheriron o resto dos sindicatos presentes na CRTVG, e que se
condene á empresa ao pagamento de 100.000 euros polos danos e prexuízos ocasionados.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.