Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/03/2021 | Actualizada ás 09:30
O xornalismo inglés volve premiar a beleza das paisaxes galegas. Pouco despois de que o Daily Telegraph apuntara á Costa da Morte como o próximo destino favorito dos turistas británicos, o Telegraph --que non se trata, malia as semellanzas, do mesmo medio-- vén de gabar a beleza das praias galegas ao situalas entre as máis destacadas de todo o Estado.
Así o apunta o diario británico nunha listaxe que recolle as 17 praias "secretas máis impactantes" de todo o Estado. O aprezo que o xornal británico profesa aos areais galegos queda manifesto no feito de que 4 desas 17 praias están na comunidade galega: trátase da praia do Portal --situada no concello de Cangas--, a de Arealonga, no concello lucense do Vicedo, a de Areagrande --na Costa da Morte-- e a do Carro, en Ortigueira.
Delas destacan o impactante das súas paisaxes, pero tamén a posibilidade de desfrutar de marisco "que fai a boca auga" e viño "de clase mundial" nos seus arredores. As illas "paradisíacas" que describe o xornal británico altérnanse con esas covas "ocultas" que espertan, á súa vez, a fascinación deste diario inglés nun artigo que se suma á longa listaxe de louvas á costa e paisaxe galega.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.